Cambre subvencionará a contratación de vítimas de violencia de xénero
A concelleira de igualdade e benestar social do concello de Cambre, Mª Jesús González Roel, anunciará esta tarde durante o acto central dos que está a organizar o seu departamento en conmemoración do día internacional contra a violencia cara ás mulleres que na proposta de orzamentos para o ano 2015 do seu departamento incluirá unha partida destinada a subvencionar ás empresas que contraten a algunha veciña de Cambre que teña recoñecida a condición de vítima de violencia de xénero e que sexa economicamente dependente da súa parella maltratadora. Un dos supostos de maior indefensión entre as mulleres vítimas de violencia de xénero é aquel no que a muller é economicamente dependente da súa parella, especialmente se existen fillos menores ao seu cargo, xa que a desvinculación da súa contorna faise moi complicada ao non dispor dunha fonte de ingresos estable. Actualmente existe o “salario da liberdade”, dotado con 600 €, 650 €, 700 € ou 800€ mensuais dependendo de se a vítima ten ningún, un, dous ou tres fillos ao seu cargo durante un prazo máximo de dous anos. Ademais disto, as empresas dispoñen dunha bonificación de até 150€ mensuais nas cotas da seguridade social para a contratación de vítimas de violencia de xénero. “Con só a axuda de 650 € ao mes durante dous anos é moi difícil que unha muller cun fillo atope a total liberdade económica. Aínda existen casos nos que a muller nunca se inseriu na vida laboral e, finalmente, se queremos realmente facilitarlles a súa independencia, debemos axudar a estas persoas a que sexan capaces de valerse ao 100% por si soas”.
As axudas, cuxa contía estará entre os 6.000 € e os 10.000 € por persoa contratada, deberán ser solicitadas pola empresa que faga a contratación e o concello de Cambre esixirá que se xustifique que a traballadora permaneceu contratada durante polo menos dous anos desde a súa concesión. Pola súa banda, á traballadora esixiráselle que acredite que deixou de convivir coa súa suposta parella maltratadora durante o mesmo prazo. Así mesmo, o concello priorizará o acceso das vítimas de violencia de xénero economicamente dependentes aos cursos de formación profesional municipais. “Unha muller que decidiu dedicarse aos labores domésticos ten moi difícil, na situación económica actual, acceder a un posto de traballo. Se ademais é vítima de violencia machista todos nos podemos imaxinar a indefensión na que se pode atopar. Queremos formar a esas mulleres e facilitar todo o posible a súa contratación polas empresas”.











