publicidade hoxe

Cambados acolle as xornadas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal Portada
A-
A+
Xornadas de divulgación

Xornadas de divulgación

Cambados acolleu hoxe a conferencia ‘O medio natural rural e urbano’, promovida por Turismo de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela no marco do VIII Centenario de San Francisco de Asís a Compostela.

A charla enmárcase nas xornadas de divulgación ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, que teñen como obxectivo concienciar aos diferentes axentes no desenvolvemento equilibrado e a longo prazo dos recursos, remarcando a idea de que a conservación do medio natural é labor de todos.

A xornada foi impartida polo catedrático de Enxeñaría Química e ex reitor da Universidade, Juan José Casares Long, e o investigador en formación no departamento de Enxeñaría Química da USC, Anxo Rodríguez López. Ademais contou coa participación do xornalista Benito Leiro Conde que foi o encargado de moderar o relatorio.

A xornada dividiuse en dúas sesións, unha matinal dirixida aos alumnos de ensino superior da localidade, nas instalacións do IES Francisco Asorey, coa presenza tamén de alumnos do IES Ramón Cabanillas, e outra sesión aberta ao público en xeral en Exposalnés.

Estas xornadas divulgativas, que deron comezo o 24 de setembro, desenvolveranse ata o próximo 28 de novembro en vinte concellos doutras tantas comarcas de Galicia. As próximas sesións programadas visitarán, tamén en quenda de mañá e tarde, os concellos de Melide -19 de novembro-, Ribadeo -21 de novembro-, O Carballiño – 26 de novembro-, e Tui -28 de novembro-.

Os relatorios, impartidos por profesores e investigadores da Universidade de Santiago, maioritariamente do Campus de Lugo, de áreas relacionadas coa temática das mesmas programados prestarán especial atención a cuestións ambientais de interese xeral e relacionadas coa comarca na que se celebren cada día.

14 de novembro de 2014 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.