publicidade hoxe

Cambados acolle as II Xornadas de Degustación e Maridaxe das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCambados
A-
A+
Presentación das xornadas

Presentación das xornadas

O presidente do CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoo, e o alcalde de Cambados, José Aragunde, presentaron esta mañá a programación das II Xornadas de Degustación e Maridaxe das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, que se desenvolverán este fin de semana nas instalacións do Salón José Pena de Cambados. Talleres, exhibicións e catas centrarán gran parte da programación coa que tamén se celebrará o 25 aniversario da CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

As Xornadas de Degustación e Maridaxe están abertas ao público en xeral, aínda que se centra tamén no interese eos “prescriptores de licores e augardentes” para que coñezan “uns produtos moi galegos e que salen das raíces máis profundas”, tal e como indicou José Antonio Feijoo na presentación, quen tamén desglosou o programa para os próximos días 14, 15 e 16 de novembro.

Venres

As sesións darán comezo, o venres 14 ás 20.30 horas, coa presentación do estudo inédito ‘Augardentes e licores de Galicia. Notas históricas’, de Mercedes Vázquez Bertomeu e Pilar Rodríguez Suárez. Trátase dunha publicación na que se mostra a evolución na elaboración de augardentes e licores tradicionais, sempre da man dun proceso artesanal, algo que marca a diferenza destes produtos con respecto a aqueles “chamados caseiros” e que non son máis que “alcois de dubidosa procedencia e mesmo perigosos para a saúde”, concretou Feijoo con respecto aos recentes casos de fraude na venda deste tipo de produtos.

A xornada do venres tamén contará, a partir das 21.00 horas, cun taller de cata de augardente de bagazo, que correrá a cargo de Sonia Otero, propietaria dunha destilería de Cambados. Como novidade con respecto á anterior edición, os alumnos do Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés VI ofrecerán ao público asistente unha serie de aperitivos maridados cos produtos amparados baixo o paraugas de calidade do CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, que serán servidos pola Escola de Hostalaría Carlos Oroza de Pontevedra. Sobre esta iniciativa, a directora do Obradoiro de Emprego, Puri Ferro, mostrou a súa satisfacción por poder participar nestas xornadas, xa que permitirá aos alumnos “elaborar uns aperitivos en frío, algo que lles servirá como práctica” de reforzo para os coñecementos que se están impartindo no taller de emprego.

Sábado

A xornada do sábado comezará ás 17.30 horas cun taller de cata de licores para despois continuar, ás 18.30 horas, co showcooking titulado ‘Augardentes e Licores de Galicia en cociña e a coctelería’. Desta última parte encargarase Ángel Camiña, que xa na pasada edición cultivou grandes éxitos entre os asistentes polas súas deliciosas combinacións.

Domingo

Finalmente, o domingo 16 presentarase, tal e como indicou José Antonio Feijoo na presentación desta mañá, “a gran novidade deste ano, unha destilación en vivo” que se desenvolverá no Pazo de Fefiñanes. Esta sesión, aberta ao público en xeral e para a que non se necesita inscrición previa, ofrecerá a posibilidade de ver o proceso “da destilación tradicional”, unha característica distintiva da calidade dos produtos do CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Concluirán as II Xornadas de Degustación e Maridaxe cun novo showcooking, que dará comezo ás 12.30 horas.

Paralelamente aos talleres e catas, o Salón José Pena de Cambados tamén acollerá durante o sábado e o domingo o túnel da augardente. Este ofrecerá a todos os asistentes unha degustación gratuíta das augardentes e licores amparados polo Consello Regulador. Esta actividade, do mesmo xeito que o resto das previstas, é de carácter totalmente gratuíto.

Os talleres de cata e os showcookings previstos para este fin de semana contan xa con máis de medio centenar de inscritos, aínda que aínda quedan algunhas prazas libres. Para confirmar a asistencia, hai que chamar ao 986 520 786 ou mandar un e-mail a turismo@cambados.es.

Apoio institucional

Pola súa banda, o alcalde do Concello de Cambados, Luís Aragunde, ratificou o apoio institucional a estas xornadas para as que destinan “todos os recursos humanos e loxísticos” necesarios para o seu bo desenvolvemento. “Para nós é un orgullo e unha alegría que o Consello Regulador pense en nós”, indicou o rexedor, á vez que lembrou a “experiencia moi positiva” que supuxo o desenvolvemento das xornadas celebradas o pasado ano. Neste sentido, tanto Aragunde como Feijoo mostraron a súa predisposición a dar continuidade a esta iniciativa no tempo, de modo que a partir do próximo ano xa poida consolidarse como unha cita ineludible no calendario anual.

12 de novembro de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.