Caballero ve con preocupación que Fomento non dea un só paso pola estación do AVE

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este luns que ve “con inmensa preocupación” que o Ministerio de Fomento non dea “un só paso” para facer a estación do AVE deseñada por Thom Mayne (e logo redimensionada á baixa).

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico referiuse ás declaracións da ministra Ana Pastor que, nun acto na cidade, confirmou que ningún socio privado mostrara o seu interese por participar nesa parte concesional da estación.

“En tres anos non foi capaz de contratar a estación”, criticou Caballero, quen lembrou que, antes de que o proxecto se modificase si que houbo empresas interesadas. “O que non hai é interese por facer a estación, e Vigo non vai permitir que non se contrate a obra”, subliñou.

“Gustaríame saber se ten encargado o proxecto construtivo a Thom Mayne”, afirmou Caballero, quen anunciou que solicitará máis información sobre esta obra para poder “tomar decisións”, porque “Vigo non vai renunciar nin á estación nin ao AVE por Cerdedo”.

PROXECTOS “FARAÓNICOS”

Con respecto ás afirmacións de Pastor, sobre o proxecto inicial da estación, que tachou de “faraónico”, o alcalde de Vigo preguntou se á ministra “non lle parecen faraónicos” outros proxectos como o Porto Exterior da Coruña ou a Cidade da Cultura de Santiago. “As obras de Vigo son faraónicas e as outras non”, ironizou.

Caballero manifestou que prefire crer que as palabras de Pastor foron froito da “improvisación” e pediulle que “medite as súas declaracións” e faga unha rectificación”.

24 de novembro de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.