Bueu acollerá a sexta xornada de convivencia do servizo de teleasistencia da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuPontevedra
A-
A+

Bueu acollerá mañá a sexta xornada de convivencia de usuarios de teleasistencia que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha este ano, de forma pioneira, para favorecer o intercambio de experiencias, evitar o illamento social e promover a vida activa destas persoas maiores que viven soas e ás que o servizo impulsado pola Administración Provincial lles permite permanecer no seu fogar coa seguridade de poder recibir atención inmediata ante calquera accidente ou problema que xurda.

A xornada comezará ás 17,00 horas nas instalacións do Centro Social do Mar, e contará coa participación de 22 persoas procedentes de Cangas, Moaña e Bueu, que disfrutarán da actuación do Mago Noel, música, merenda e actividades de animación.

Esta xornada súmase ás xa desenvolvidas en Sanxenxo, Tui, Agolada, Cuntis e A Cañiza. A organización destas xornadas en distintos puntos da provincia obedece á necesidade de achegar o máximo posible estes eventos á poboación usuaria, que na maioría dos casos ten problemas de desprazamento e veríase en dificultades para participar nesta actividade se se organizasen lonxe do seu fogar.

Desta forma, as xornadas abarcan todas as comarcas e reducen notablemente os desprazamentos, facilitando a participación da maioría dos usuarios, todos eles residentes en concellos de menos de 20.000 habitantes.

400 usuarios

Na actualidade son unhas 400 as persoas as que se están a beneficiar do Servizo de Teleasistencia da Deputación, que lle garante ás persoas unha atención continuada e a seguridade que dá saber que contan cun sistema que lles permite pedir axuda a calquera hora do día os 365 días do ano, con só pulsar un botón.

26 de novembro de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.