Bruno Nieto desvela os segredos de produción de El Quid na Farixa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Numeroso público participou este venres na ponencia de Bruno Nieto, a primeira das charlas das Xornadas Cultura en Produción que organizan os alumnos do Ciclo de Produción de Radio Audiovisual e Espectáculos dende o módulo de Xestión de Proxectos de Espectáculos e Eventos.

Bruno Nieto, quen estivo acompañado pola tamén produtora Andrea Lorenzo desvelou os segredos da produción da web serie ‘El Quid’, un proxecto rodado integramente en Ourense e que contou coa participación de moitas das caras máis coñecidas do audiovisual galego. O director, guionista e productor deste proxecto audiovisual de éxito comentou cos asistentes os pasos a seguir na produción audiovisual, a necesidade de aprender da experiencia e destacou o valor da perseverancia para conseguir desenvolver un proxecto audiovisual. Bruno Nieto tamén adiantou detalles do seu último proxecto, o documental “mil sorrisos, un perdón” e as diferencias de produción entre proxectos.

‘Como un grupo de amigos pode cambiar o mundo’ é o lema das II Xornadas Cultura en Produción, unha iniciativa dos alumnos do módulo de Xestión de Espectáculos e Eventos que pretende achegar dun xeito directo e cercano, tanto ao alumnado do CIFP A Farixa como ao público interesado, novos xeitos de produción audiovisual.

O ciclo continúa coa visita o vindeiro venres 5 de decembro de Alfonso Míguez e Héctor Casas que falarán sobre o seu proxecto ‘P.I.B.’ (productor Interior Bruto) para finalizar o 12 de decembro coa charla de Simón Vázquez, director do filme Las Brujas de E`Lente.

Todas as charlas son gratuítas e abertas ao público interesado e terán lugar no Salón de Actos do CIFP A Farixa ás 11.30 horas.

28 de novembro de 2014 | 21:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.