Brinca Vai! chega á Casa da Cultura da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCalendario
A-
A+

O concerto-obradoiro infantil titulado Brinca vai! De aquí a acolá chegará á Laracha no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O Concello da Laracha acollerá a actividade ao estar integrado na Rede de Dinamización Lingüística.

Brinca vai! De aquí a acolá pretende achegar o idioma galego aos nenos e ás súas familias dun xeito lúdico e divertido. Trátase dunha proposta na que a música, as cancións, o hu­mor e o enxeño toman a palabra para convidar á creatividade e a viaxar ao longo dos doce meses do ano achegándolle aos asistentes as tradicións, a natureza, os xogos e as festas populares.

No plano musical, Paco Nogueiras bota man dun amplo abano de estilos e contrastes, dende o tecno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, aínda que sen esquecer as influencias tradicionais. Atractivos ritmos cos que este divertido artista ao que sempre acompaña o seu característi­co chapeu non tarda en conquistar o público infantil.

A música actúa así unha vez máis como fonte de transmisión do galego ao promover que a xente miúda siga cantando as can­cións tras finalizar a actividade, na que os nenos e nenas cantan, bailan e brincan, gozando dunha auténtica festa na nosa lingua.

A actividade desenvolverase o domingo na Casa da Cultura a partir das 12:00 horas, sendo a entrada libre e gratuíta para o público. O Concello da Laracha levará a cabo ata finais de semana unha campaña informativa nos colexios para convidar a asistir aos rapaces.

18 de novembro de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.