Bravo Bosch participa no Congreso internacional “Islas 2014” en Vigo

Bravo Bosch no congreso Islas 2014
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, participou hoxe na inauguración do Congreso Internacional “ISLAS 2014. International Symposium on Labelling and Authenticity of Seafood”, organizado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) no contexto do proxecto do Espacio Atlántico Labelfish.
Durante o día de hoxe e a xornada de mañá, o Centro Social de Afundación será a sede deste congreso onde os seus participantes disertarán e explicarán os últimos resultados e avances sobre o control da trazabilidade e autenticidade no etiquetado dos produtos do mar e de pesca elaborados.
Na súa intervención, Bravo Bosch agradeceu aos organizadores que celebrasen este congreso na cidade de Vigo, un evento máis a nivel internacional que, coma lembrou a delegada, vén a sumarse a Conxemar ou a World Fishing Exhibition convertendo así unha vez máis a Vigo en referencia mundial do sector da pesca.
Neste senso, destacou que na nosa Comunidade e na nosa cidade, a cadea mar-industria “é un dos sectores determinantes para a nosa economía”. Por isto, considerou positivo este tipo de eventos xa que “supoñen un importante reforzo a un sector que traballa a diario para reinventarse, atender as novas demandas que xorden e incorporar novos produtos e hábitos de consumo na nosa sociedade”, dixo, amosando así o seu total convencemento de que as conclusións que saian do congreso “atoparán unha inmediata aplicación” por parte de empresarios e distribuidores.
Dende a Consellería de Medio Rural e do Mar lévase traballando dende hai tempo para conseguir que a trazabilidade do produto galego “sexa impecable” e sempre co obxectivo de lograr que, coma explicou Bravo Bosch, o produto galego “sexa considerado coma o que é”, un produto de gran calidade que poida ser consumido con tranquilidade por contar con todas as garantías de seguridade requiridas pola Unión Europea e a Lexislación Española.
Por último, a delegada da Xunta en Vigo lembrou as actuacións e preocupación do Executivo galego no ámbito da trazabilidade, comercialización, internacionalización e acuicultura. Neste eido, especificou a importancia da implantación paulatina das terminais telemáticas ´tiscpes´, que permite que Galicia estea á cabeza das comunidades costeiras españolas en control e seguimento do produto; ou o traballo que se leva a cabo dende os servizos de Inspección de Gardacostas e Sanidade Alimentaria, velando porque o produto cumpra con todas as condicións hixiénico-sanitarias e as esixencias de captura, descarga, transporte e venda ao consumidor. Para rematar, non se esqueceu da marca de calidade ´PescadeRías´ poñéndoo coma un exemplo do bo facer neste sector xa que, a data de hoxe, ten certificados un total de 17,5 millóns de quilos de produtos frescos das nosas Rías.
Na inauguración do congreso participaron tamén Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, coordinador Institucional do CSIC en Galicia; e representantes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, coma foron: Carlos Arnaiz, subdirector general de Coordinación, Calidad del Consumo y Cooperación Institucional del Instituto Nacional del Consumo; Aurora de Blas, subdirectora general de Economía Pesquera da Dirección General de Ordenación Pesquera e, por último, Cristina Clemente, subdirectora general de Control y de Laboratorios Alimentarios.











