Besteiro ofrece toda a colaboración e transparencia na investigación sobre ‘Km 0’
O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Ramón Gómez Besteiro, ofreceu este venres “toda a colaboración e transparencia” á titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, en relación a un novo rexistro no Pazo de San Marcos no marco dunha investigación aberta sobre o programa de visitas provincial ‘Km 0’.
“Pido que deixemos traballar, como sempre fixemos. Desde a Deputación total colaboración para prestar toda a información que poida ser necesaria, deixar traballar aos profesionais da Xustiza e nós, en canto teñamos información, trasladarémola de forma obxectiva e profesional”, asegurou Besteiro antes de iniciar a ‘Ruta do cancro’ para acompañar a pacientes da provincia a unha sesión de Radioterapia á Coruña, a instancias da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo.
Pouco antes das 9,30 horas Pilar de Lara entraba na Deputación de Lugo con axentes da Policía Xudicial para proceder ao envorcado de computadores de áreas como a de Presidencia, Relacións Institucionais e Comunicación.
De Lara, que se fixo cargo desta investigación polas novas normas de repartición despois de que previamente correspondese á xuíza de reforzo do seu xulgado, Hortensia Bouso, abandonou a Deputación de Lugo sobre as 10,15 horas cun cartafol na man tras solicitar información e envorcado de computadores na institución provincial.
ANTERIOR VISITA XUDICIAL
De feito, o pasado mes de xullo axentes da Policía Xudicial acudiron de novo á Deputación de Lugo para solicitar información complementaria sobre este programa de visitas ‘Km 0’.
Aquela visita xudicial partía dunha orde da xuíza de apoio do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Hortensia Bouso, na que se facilitou aos axentes toda a información que solicitaron.
En abril de 2013 o PP fíxose eco de que varias persoas ligadas con este programa de visitas, en parte financiado con fondos da Unión Europea (UE), foran chamadas a declarar no marco dunha investigación aberta pola Fiscalía, “por mor das denuncias de varios traballadores”, que supostamente “incluirían acusacións de relevancia penal e presuntos delitos de acoso laboral”.
O Xulgado de Instrución Número 1 da capital abriu dilixencias sobre esta cuestión, aínda que a Deputación negou “taxantemente” cando transcendeu a investigación da Fiscalía a posibilidade de que houbese malversación de fondos na xestión do programa.











