Benestar participa nunha xornada para implicar á xuventude no impulso da Eurorrexión
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe en Melaço (Portugal) nas II xornadas da Xuventude Transfronteiriza que ten por obxectivo implicar aos mozos e mozas de Galicia e do Norte de Portugal no esforzo conxunto de impulsar a Eurorrexión como un territorio con posibilidades de crecemento futuro.
Na súa intervención, Rodeiro lembrou que hai xa 22 anos que os galegos e os portugueses do norte constitúen esta Eurorrexión,onde a data de hoxe conviven seis millóns de europeos, dos que aproximadamente un millón son mozos e mozas de entre 16 e 30 anos.
Unha relación conxunta que se ten demostrado como “moi proveitosa” para os cidadáns de ambas partes, que teñen acceso a unha serie de recursos conxuntos, que “aumentan as súas posibilidades de cooperar e traballar en todo o territorio común”.
O director xeral indicou que “na Europa actual, as fronteiras que antes dividían e separaban, hoxe as convertemos nunha ferramenta de crecemento, sobre todo, no caso de Galicia e do norte de Portugal onde conformamos un dos territorios con máis posibilidades por explotar e con máis opcións de crecemento futuro”.
Rodeiro engadiu que “o traballo coa xente moza é a mellor garantía de que os obxectivos comúns da Eurorrexión: colaboración, progreso e entendemento, poderán seguir vixentes no futuro dos dous países”.
Os sucesivos programas de cooperación transfronteiriza en materia de Xuventude (Eurocidade I, Espazo Xuvenil, Emprende e Eurocidade II) supuxeron un investimento conxunto que se achega aos 4 millóns de euros en 5 anos. O último programa conxunto é o Emprende, que comezou a principios de 2011 e rematará en decembro deste ano.
O proxecto Emprende, onde se enmarcan estas xornadas, ten como obxectivo facer do Espazo de Cooperación un lugar atractivo para o asentamento e o desenvolvemento de novas actividades económicas e empresariais por parte da xuventude e a creación de empresas e de emprego para os mozos de Galicia e do Norte de Portugal.
Ao longo destes catro anos este programa permitiu ofrecer formación a uns 2.000 mozos, realizar máis de 30 eventos, axudar a máis de 30 empresas transfronteirizas, beneficiar a máis de 25 empresas e crear máis de 35 novos postos de traballo en empresas.











