Baltar ve a Rajoy como líder sen ningún xénero de dúbidas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Europa Press

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, manifestou este luns sentir “repulsión e responsabilidade” pola corrupción e ve ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, como líder do PP “sen ningún xénero de dúbidas”, como tamén manifestara días atrás o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, segundo recordou.

O líder do PPdeG en Ourense e da Deputación ourensana manifestouse así a preguntas aos medios sobre a actual situación da corrupción e do PP tanto en España coma en Galicia, despois de participar na presentación dos 24 encontros literarios coorganizados pola institución provincial e a Cátedra Carlos Casares, da Universidade de Vigo en Ourense.

En relación á “repulsión e responsabilidade” ante a corrupción, manifestou ser os mesmos sentimentos que senten todos os cidadáns, e no seu caso, a responsabilidade ao ser o presidente dun partido e unha institución levoulle “a tomar medidas como, no caso do partido, o compromiso deontolóxico asinado en 2013 polos deputados, de forma que somos os únicos a nivel nacional e autonómico que mostramos a declaración de patrimonio, algo que agora ofrece como grande innovación o líder do PSOE nacional. En Ourense fixémolo antes”, detallou.

No ámbito institucional, proclamouse tamén pioneiro tras aprobar ordenanzas como a de transparencia, contratación de persoal e de subvencións “postas de relevo como pioneiras no encontro de presidentes provinciais que se organizou en Ourense”, e se referiu ao debate sobre o Estado da provincia, previsto para o día 14 de novembro, “para que os cidadáns vexan que en política estase tan ou máis preocupados ca eles”, en relación á corrupción.

“UNHA ANÉCDOTA”

O seu desexo, segundo afirmou, é que a corrupción “deixe de estar na axenda política e pase a ser, non só unha anécdota, senón que se deixe de falar dela porque non existe, para poder centrarse no realmente importante para os cidadáns”, agregou.

Non obstante, non quixo opinar sobre un pacto anticorrupción entre PP e PSOE e considerou tarefa dos representantes estatais chegar a acordos nacionais, e referiuse de novo ao ámbito provincial para recordar, como exemplo, “innovacións” en torno á corrupción “para que outras institucións copien” á Deputación de Ourense como o punto do código ético recén aprobado, no que se contempla que as placas de obras participadas pola Deputación “non leven o nome do presidente da institución” e manifestou que iso faille “único” e é algo “que farán todos en 4 ou 5 anos”.

INNOVADOR E REFORMISTA

Sobre as opinións que poñen en dúbida o liderado e a actuación do presidente Mariano Rajoy ante os novos casos de suposta corrupción investigados en xulgados de varias provincias de España, Baltar sinalou remitirse ás palabras do presidente da Xunta: “Claramente Rajoy é líder do PP, e non hai ningún xénero de dúbidas”. E argumentou que o actual Goberno do PP “fixo innovación lexislativa e reformas contra a corrupción” como ningún goberno anterior en democracia, “e iso é algo obxectivo”, subliñou.

Sobre a rapidez na resposta de Rajoy ante os novos casos, Baltar dixo que o presidente o é porque “conta coa maioría absoluta do arco parlamentario”, polo que ten “capacidade para decidir que facer en cada momento”, abundou. Nese sentido, engadiu que el como “disciplinado militante” esperará os seus “pronunciamentos e nada máis”.

Así mesmo, reiterou sobre Rajoy que as eleccións europeas ratifican o apoio porque foi o máis votado en España, así que afirmou consideralo “perfectamente capacitado” para presidir o Goberno da nación “e para innovar como vén facendo en cuestións de corrupción e transparencia”.

ELECCIÓN DIRECTA DE DEPUTADOS PROVINCIAIS

En resposta a varias preguntas sobre o seu cargo na Deputación, que se decidirá tras as eleccións municipais de maio de 2015, admitiu que será candidato á reelección para o cargo e optará a el como concelleiro de Esgos. “Se convenzo o candidato á Alcaldía para ir na súa lista para as municipais, aínda que me poño a disposición do partido porque é o que decide”, apostilou.

Deste modo aludiu ao actual alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, irmán do xerente do Inorde, entidade dependente da Deputación de Ourense e presidida polo propio Baltar dende fai algo máis dun ano.

Ademais de facer pública a súa candidatura para presidir a Deputación, Baltar reiterou a súa proposta de que os deputados provinciais sexan “elixidos directamente polos cidadáns” e argumentou que, por iso, os partidos deben poñer “as cartas boca arriba en todos os ámbitos, tamén no que se refire á institución provincial” porque coñecendo a identidade dos candidatos “se coñecerá a confianza maioritaria neste caso dos concelleiros”, aínda que “sería desexable” que fose dos cidadáns.

“Así os cidadáns sentiranse propietario do ritmo e do rumbo das institucións”, agregou. Nese sentido, anunciou que presentará un programa “novo” para os catro anos próximos “e iso é algo que neste momento só pode facer o PP, aínda que outras formacións deberían facer o mesmo”, rematou.

DEBATE SOBRE A PROVINCIA

En relación coa Deputación e os seus mil días de presidencia, Baltar dixo que o día 14, no Debate do Estado da Provincia, “será o momento de valorar resultados e presentar algunha proposta con resolución de futuro”

O seu anuncio de ser candidato a presidir a Deputación dende un cargo de concelleiro en Esgos, como nos seus elección anterior, descarta a Baltar como candidato popular ao Concello de Ourense onde, segundo sostivo, “o importante non é o número un, senón que haxa un programa, todo o contrario do vivido na cidade nos últimos meses”. O cabeza de cartel do PP darase a coñecer en decembro, de forma coordinada cos das demais grandes cidades de Galicia.

3 de novembro de 2014 | 20:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.