Balizas e paneis informativos tratarán de mellorar a seguridade viaria
A Xunta traballa “de forma inmediata” en medidas de mellora da seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica e para iso está a identificar os tramos “de maior sinistralidade”, segundo sinalou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Tras asinar dous convenios co reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, e a preguntas dos medios, a conselleira abordou o accidente do pasado fin de semana no corredor Brión-Noia e no que faleceron catro acodes.
Ethel Vázquez, que mostrou as súas condolencias ás familias das vítimas, indicou que “é unha prioridade para a Xunta a seguridade viaria”.
Aínda que non coñecen os datos das consecuencias deste accidente, indicou que a Xunta xa traballa en “medidas de seguridade viaria”, como a instalación de balizas no eixo da estrada e paneis informativos indicando precaución e lembrando que se trata de vías de dobre sentido.
IDENTIFICACIÓN DE TRAMOS
“Estamos a identificar os tramos de maior sinistralidade”, afirmou a conselleira que, aínda que non concretou prazos, indicou que a implantación destas medidas de seguridade farase primeiro en vías de titularidade autonómica.
Preguntada polo posible desdobramento da vía, a conselleira lembrou que, no caso do corredor Brión-Noia, está previsto o seu desdobramento, e de feito xa están expropiados os terreos, pero polo momento actuarase “de forma inmediata” con “actuacións de seguridade viaria”, afirma.











