Baixo fortes chuvieiros comezou a Regata de Nadal en Aguete

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMarín
A-
A+

Día moi complicado o que tivo o pasado sábado na Ría de Pontevedra a animosa flota de cruceiros que tomou parte na primeira etapa da XVI REGATA DE NADAL DE CRUCEIROS – TROFEO COMODORO MANUEL NORES que están a organizar o Real Club de Mar de Aguete coa dirección técnica da empresa Desmarque SL.

Aínda que a xornada estaba previsto que comezase ás 13:30 horas, a intensa choiva e a ausencia case total de vento, fixeron que o comité de regatas atrasase a saída até as 14:30 horas, momento en que a brisa prevista do norte animoulles a comezar. Pero nada máis comezar caeu un intensísimo chuvasco con moitísima choiva pero sen vento que freou á flota ata que uns minutos despois xa comezou a soprar do leste con 10 nós de intensidade que se mantivo xa case toda a tarde, alternándose algún chuvasco, pero máis frouxo que o inicial e novamente sen vento. Isto fixo que os percorridos iniciais quedasen acurtados para acabar con luz natural, así que os ORC fixeron finalmente un percorrido até a Mourisca de Bueu e volvendo en forte cinguida até acabar en Tambo. E os Clásicos e Veteranos chegaban soamente até Morrazán no centro da Ría e volvían para acabar tamén na illa de Tambo. En total, 10 millas para uns e 5 para os outros.

En ORC clase 1 gañou en tempo compensado o NO A CELULOSAS (IMX 38-Juan Carlos Pérez-CN Combarro) pero seguido de preto polo YOUKOUNKOUN(Jod 35-CN Portonovo-Adolfo Castro) a menos de tres minutos e xa bastante máis atrás o AGUIEIRA (Sun Oddisey 40 – Tino Campelo – RCM Aguete) a case 8 minutos. Cuarto foi un dos favoritos para o día se chega a soprar con forza como eran os prognósticos, o SEBRALA 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz-RCN Sanxenxo) que quedou a 12 minutos tras o forte parón inicial.        

Na Clase ORC2, inmensa a regata do LIMAY (Bramador 34 – José Luís Smith- CN Beluso) que nun último tramo de cinguida magnífico conseguiu gañar por só 10 segundos ao gran favorito, o ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – CN Combarro). Terceiro foi o VAGALUME (Beneteau 25 – Luís Vidal – RCN Sanxenxo) a 5 minutos dos dous anteriores.

En ORC 3, moi boa regata tamén o CAMARÓN 20 (Yatlant 24 – Javier Pérez-CN Combarro) que sacou máis de 23 minutos ao FILISPÍN (Furia 302-Antonio Novo-CN Combarro) e 35 minutos ao terceiro, SQUID (First 235 – Francisco Lusquiños – CN Portonovo) que partía como gran favorito nesta clase.

Por último, en Veteranos/Clásicos, gañou moi ben o CASSANDRA (Hillary half ton-Javier Pazó-CN Portonovo), seguido a 4:53 polo COCO-DRILO II (Spirit 28-Andrés Froiz-CN Combarro) e a un pouco máis dunha hora polo NADA SEGUNDO (Puma 23 – Carlos Núñez – Societé Nautic Géneve).

Agora a esperar a este próximo sábado 29 de novembro para a segunda etapa con saída prevista ás 13:30 horas, xa que a falta de dúas etapas aínda está todo por decidir

25 de novembro de 2014 | 10:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.