Aumenta a achega da Deputación de Pontevedra para os clubs de piragüismo e remo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os 42 clubs de remo e de piragüismo existentes na provincia de Pontevedra verán incrementado en 2015 o apoio institucional ó aumentar a partida que a Deputación destina a estas entidades nos seus orzamentos do vindeiro ano, que serán aprobados inicialmente no pleno deste venres.

Así llelo exporán esta tarde ós representantes dos clubs o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a deputada Begoña Estévez nun encontro organizado para analizar a situación deste deporte na provincia, as súas principais necesidades e as liñas de axuda coas que van poder contar por parte da institución provincial.

Neste sentido, ademais do aumento das partidas destinadas a axudas directas ós clubs e das subvencións para o financiamento de actividades e eventos, a Deputación traballa xa nun novo plan orientado a facilitar a adquisición de vehículos por parte de entidades deportivas e sociais.

No marco deste plan adquiriranse uns 30 vehículos que serán financiados entre a Deputación, Citröen, os clubs e unha entidade financeira.

De feito, moitos dos clubs de remo e piragüismo que participan na xuntanza dispoñen xa de furgonetas adquiridas no marco dalgún dos dous anteriores plans da Deputación, que sumaron un total de 96 vehículos conseguidos co apoio desta institución.

O encontro que hoxe ten lugar forma parte da rolda de contactos con entidades sociais e deportivas que todos os anos mantén o presidente do organismo provincial co obxectivo de abordar as cuestións que lle preocupan e analizar as súas prioridades e as posibilidades de colaboración.

Outro dos temas que se abordará esta tarde é a boa marcha das escolas deportivas de piragüismo creadas pola Deputación no curso 2012-2013, as cales teñen xa moita demanda. Así, na actualidade son máis de 850 nenos e nenas os que participan nestas escolas, só superadas en número de alumnos polas de balonmán, fútbol e patinaxe.

25 de novembro de 2014 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.