Atapuerca abre a tempada de campo a través
A localidade burgalesa de Atapuerca será escenario o vindeiro domingo dun dos crosses máis prestixiosos do panorama nacional. Na carreira masculina cinco atletas dos dez primeiros clasificados no pasado europeo de campo a través, estarán nos Xacementos da Serra de Atapuerca, o que indica o renome que colleu a carreira nos últimos anos.
A competición non se limita soamente a unha mera toma de contacto coa especialidade, senón que os responsables federativos terán moi en conta os resultados desta carreira para dilucidar o equipo nacional que acuda ao europeo de Samokov, o 14 de decembro.
A Sociedade Ximnástica estará de novo na liña de saída, coa presenza entre outros de Iván Docampo e Barca Toba; xa son varios anos acudindo a este campo a través e aínda que será moi difícil estar cos atletas de cabeza, tentarán realizar unha boa carreira.
En Galicia, Ourense acolle unha das carreiras populares máis relevantes do ano, a de San Martiño, na súa 38 edición. Reunirá na capital das Burgas a máis de once mil corredores, o que a converte nunha das máis concorridas, xunto coa de Santiago de Compostela. Entre esta gran cantidade de corredores estarán tamén os atletas da Sociedade Ximnástica.











