As XII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro celebraranse en Lugo a próxima semana
Os vindeiros xoves 13 e venres 14 de novembro, a Facultade de Veterinaria de Lugo acollerá unha nova edición –a duodécima– das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite que cada ano organiza a cooperativa Seragro.
Co lema “Unha ollada cara ao futuro”, o encontro tentará esclarecer as claves da produción leiteira a partir da desaparición das cotas o ano que vén. Cómpre, ademais, destacar o carácter internacional do programa deste ano, con expertos procedentes de EE. UU., Francia, Holanda e Irlanda.
O primeiro en intervir vai ser o enxeñeiro agrónomo francés Albert Porte-Laborde, que presentará as claves para a optimización do cultivo de millo.
A continuación será a quenda de Juan Quezada, director de Seguridade, Recrutamento e Adestramento da empresa Milk Source de Wisconsin (EE. UU.). Este relator compartirá co auditorio as claves de funcionamento, dende a perspectiva dos recursos humanos, deste proxecto que na actualidade alcanza 28.300 vacas repartidas en cinco establos. Ao día seguinte presentará outra conferencia sobre os protocolos de traballo en cada área de produción que se seguen en todas as granxas de Milk Source.
O venres tamén pasarán pola Facultade de Veterinaria dous integrantes da asociación europea de gandeiros de vacún leiteiro European Dairy Farmers (EDF), que explicarán dende os puntos de vista técnico-económico –Rick Hoksbergen, Holanda– e gandeiro –Tom Dunne, Irlanda– o modo de funcionamento desta organización independente, cuxo principal obxectivo é compartir o presente para mellorar o futuro a través do intercambio de experiencias e de coñecementos de profesional a profesional.
Os gandeiros serán os outros grandes protagonistas do programa deste ano. Por unha banda, José Eladio Lavandeira explicará como xestiona a recría na súa explotación de Zas (A Coruña). Por outra, abordarase a implantación do terceiro muxido a partir da experiencia de tres ganderías galegas que representan os tipos máis habituais respecto da organización do traballo: unha granxa onde unicamente traballan empregados, unha explotación familiar e unha gandería con propietarios e empregados.
A estas charlas súmanse a do veterinario do Servizo de Reprodución de Seragro Luis Díaz, que departirá sobre a fertilidade do rabaño e a súa repercusión reprodutiva e económica no futuro da explotación, e a do doutor en Veterinaria Alejandro Fernández, que achegará unha visión práctica sobre a selección xenómica.
Dende Madrid chegará o enxeñeiro agrónomo Antonio Callejo, que exporá os criterios fundamentais a ter en conta á hora de deseñar unha instalación para vacún de leite, así como o papel que as novas tecnoloxías poden e deben desempeñar na xestión dunha granxa.
A última charla correrá a cargo do profesor de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Escola Politécnica Superior de Lugo Francisco Sineiro, que abordará os cambios que vai sufrir a produción de leite en Galicia a partir da desregulación total do sector coa supresión de cotas o ano que vén.











