publicidade hoxe

As Veciñas de Barbudo solicitan axuda económica para melloras no local social ao Concello de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez reuniuse na tarde de onte cun grupo de veciñas representantes da Asociación de Veciños de Barbudo para tratar varios asuntos relacionados con melloras do local social da parroquia, que popularmente é coñecido como o “Casino de Barbudo”, que é de titularidade veciñal.

En concreto as veciñas expuxéronlle ao alcalde a necesidade de proceder ao pintado interior e exterior do local, así como á instalación de persianas en todas as xanelas.

Ademais, tamén consideran necesario acondicionar un aseo na planta baixa na que se sitúa a cociña, ao ser unha zona que se utiliza habitualmente para facer comidas cando non son moitos veciños os participantes.

Outro problema que expuxeron estas veciñas ao alcalde é que o local principal é moi frío no inverno, para o que o alcalde suxeriulle a posibilidade de instalar unha estufa de pellets xa que é moi funcional para quentar este tipo de locais que se usan esporadicamente, sen que teña custo de mantemento.

Para todo iso o alcalde comentoulles que pedisen un orzamento de todas esas actuacións expostas co obxectivo de coñecer o seu custo, e estudar a posibilidade de que o Concello poida prever unha subvención no orzamento do ano 2015, que vai comezar a elaborar proximamente.

Ademais, tamén lles expuxo o alcalde de que algunha das actuacións poderán solicitala á Deputación o próximo ano dentro dos plans de subvencións que o ente provincial aproba todos os anos para as asociacións veciñais.

Perfecto Rodríguez comprometeuse a que, unha vez coñeza o custo exacto das melloras expostas, poder incluír xa unha subvención o próximo ano, e en función da contía poder acometelas nun ou dous anos.

O alcalde sempre considerou importante as melloras nos centros socioculturais dos lugares ou parroquias do municipio, porque serven para que os veciños convivan e realicen distintas actividades. Así, nos últimos anos construíronse, acondicionado ou mellorado varios centros, ben directamente polo Concello ou ben a través de subvencións, dependendo de si o centro ou local era municipal ou veciñal, como é este caso.

6 de novembro de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.