publicidade hoxe

As unidades de hospitalización do Hospital Virxe da Xunqueira reciben o certificado de calidade de AENOR

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCeeLocal Portada
A-
A+

As unidades de hospitalización do Hospital Virxe da Xunqueira, en Cee, veñen de recibir o Certificado de Sistema de Xestión da Calidade por parte da empresa AENOR, conforme coa norma UNE-EN ISO 9001:2000. A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, destacou que con este recoñecemento o centro segue na súa liña de compromiso coa calidade na prestación e atención aos cidadáns da súa área de influencia. Este acto enmárcase na XX Semana Europea da Calidade, que se está a celebrar esta semana na Consellería de Sanidade, en Santiago de Compostela.

“Este certificado, conseguido grazas ao esforzo de todo o persoal do centro, empúxanos a continuar traballando pola mellora da sanidade pública desta comarca, da Estrutura de Xestión Integrada da Coruña e, en xeral, de todo o Servizo Galego de Saúde”, asegurou Mosquera, quen estivo no acto de entrega destas distincións xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Estas certificacións súmanse ás obtidas polo Hospital na prestación dos servizos de aprovisionamentos (xestión de compras, almacenamento e distribución de material de consumo sanitario e non sanitario, excepto medicamentos), informática, xestión da prestación de servizos sanitarios na área cirúrxica (quirófanos e partos) e esterilización.

Polo tanto, a conselleira felicitou aos profesionais do Virxe da Xunqueira pola súa continuidade no esforzo sistemático en busca da calidade no sistema sanitario público, e pola aposta e traballo nesta dirección do equipo directivo da EOXI de Coruña. Neste sentido, avogou por seguir nesta liña, por un sistema sanitario transparente e rigoroso, avaliable en todos os seus resultados, xa que, segundo dixo, garantir a seguridade dos pacientes e a calidade na súa atención constitúe un dos retos máis importantes das organizacións sanitarias.

Os sistemas de xestión da calidade segundo normas ISO 9000 son uns elementos básicos para a mellora da organización e a súa competitividade, co consecuente incremento na eficiencia que isto implica. ISO 9000 supón beneficios asociados ao aumento da produtividade, á redución de custos e á diminución de tempos de operacións; á vez que, a nivel interno, conséguese unha estrutura de traballo ben definida.

Mosquera indicou que un sistema de xestión da calidade segundo normas ISO 9000 é tamén un primeiro paso cara á un sistema de calidade total e excelencia, xa que os certificados son evidencia de que as unidades que o reciben cumpre cunhas normas internacionais de calidade.

Segundo lembrou, o Servizo Galego de Saúde, na Estratexia SERGAS 2014, fai explícito ese compromiso coa calidade, situándoa nun nivel estratéxico dentro da organización e utilizándoa como fío condutor que permita afrontar o redeseño dos procesos e circuítos asistenciais, coa perspectiva de favorecer a asistencia integral e integrada de patoloxías e problemas de saúde.

11 de novembro de 2014 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.