As tres familias inquilinas dos pisos de San Eleuterio designáronse hoxe por sorteo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Sorteo das vivendas

Sorteo das vivendas

Esta mesma mañá procedeuse a efectuar o sorteo das tres vivendas en réxime de aluguer social ubicadas na Urbanización de San Eleuterio, na parroquia mosense de Tameiga ante a presencia da concelleira de Benestar Social, Sara Cebreiro, o Secretario e a Traballadora Social municipais, así coma membros das familias solicitantes dos pisos sorteados.

No sorteo entraron as oito familias que cumprían os requisitos establecidos nas bases e foi realizado e certificado polo Secretario municipal.

A adxudicación destas tres vivendas en réxime de aluguer realizouse en función do número de membros da unidade familiar, entrando a formar parte do sorteo da vivenda de catro habitacións ou das dúas vivendas de tres habitacións, dependendo do número total de membros. Cómpre lembrar que unha das condicións establecidas nas bases para poder optar ó aluguer social dunha destas tres vivendas era constituír unha unidade familiar dun mínimo de catro membros e estar inscrito no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Promoción Pública.

Sobre este sorteo Cebreiro declaraba hoxe que “é unha alegría poder dotar de vivenda a tres familias nestes tempos tan duros de crise nos que é importantísimo o dereito á vivenda e o acceso á mesma”. O prezo do aluguer mensual de cada unha destas tres vivendas establécese en función da renda das familias que resultaron beneficiarias tras a celebración do sorteo.

As bases e convocatoria para a selección de adxudicatarios do dereito de aluguer de tres vivendas de titularidade municipal en réxime de aluguer social, sitas na zona da Urbanización de San Eleuterio, parroquia de Tameiga, foran aprobadas fai uns meses polo Pleno da Corporación Municipal.

O Concello de Mos é propietario dun total de seis vivendas na zona de San Eleuterio, as cales estiveron todas ocupadas ata fai uns meses, quedando na actualidade libres os tres pisos que saíron a proceso de adxudicación en réxime de aluguer e se sortearon no salón de sesións do Concello esta mañá.

Das seis vivendas propiedade da administración local, catro miden 82 metros cadrados e teñen tres dormitorios; e os outros dous miden 90 metros cadrados e contan con catro dormitorios.

Condicións

Os requisitos que tiñan que cumprir as familias beneficiarias dos tres pisos que se sortearon hoxe son: estar empadroado en Mos cunha antigüidade mínima de tres anos, non ter ningunha vivenda en propiedade, estar inscrito no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Promoción Pública e que os ingresos da unidade familiar estean comprendidos entre o 0,7 e o 1,5 IPREM. Como xa se dixo arriba, o prezo do aluguer establécese tamén en función da renda da familia beneficiaria.

Respecto desta iniciativa a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira delegada de Benestar Social, Sara Cebreiro, declararon que “o Concello de Mos, vendo a complicada situación económica de moitas familias por mor da crise, decidiu sacar a adxudicación estes tres pisos que ten en propiedade e que quedaron libres, para que os veciños e veciñas do municipio puideran optar a alugalos”.   

27 de novembro de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.