As probas deportivas da Coruña consolídanse como citas ineludibles do calendario nacional
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, destaca que as principais probas deportivas de atletismo da cidade están a consolidarse no panorama nacional convertendo á Coruña nun referente para os deportistas e nunha cita ineludible, tal e como reflicte a clasificación da Real Federación Española de Atletismo.
O Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña, segue sendo, como en anos anteriores, o número 1 de entre 5, porque non hai ningunha outra proba desta categoría en España. En 2014, cumpriu a seu 28ª edición con marchadores de 28 países diferentes.
Pola súa banda, Coruña10 (que conseguiu entrar no ranking o pasado ano no posto 20º) pasou a ocupar en 2014 a 12ª posición; Coruña 21 (que tampouco aparecía nas clasificacións ata o ano pasado) pasou do posto 20º ao 6º; mentres Coruña 42 mantense na 7ª praza.
Estas clasificacións teñen un gran mérito xa que un dos factores que se teñen en conta son a antigüidade no calendario nacional –algo no que a cidade puntúa baixo xa que Coruña10 suma 8 edicións, Coruña21 un total de 6 e Coruña42 cumpriu 3-. Os outros factores que inflúen, e nos que A Coruña destaca, son a capacidade organizativa, o nivel dos atletas que compiten en cada cita, o número de participantes ou o nivel deportivo da competición.
Neste sentido, desde a área de deportes apostouse, nos últimos anos, por mellorar cada unha das citas deportivas e por organizar eventos que sexan sustentables e impliquen a participación de toda a cidadanía. Desde a primeira cita de cada unha destas probas, logrouse incrementar o número de participantes: Coruña10 logrou multiplicar por 18 o número de inscritos, mentres que Coruña 21 duplicounos, e Coruña 42 mantense nunha media de 2.000 participantes.











