publicidade hoxe

As Pontes e Sanxenxo súmanse ao novo circuíto ‘Cinemas de Galicia’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesSanxenxo
A-
A+

Os concellos das Pontes e Sanxenxo inician esta semana a súa programación como parte de ‘Cinemas de Galicia’, o novo circuíto de exhibición cinematográfica creado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ambos os municipios están a participar na fase de implantación deste proxecto xunto cos do Carballiño e Foz.

A rede, que bota a andar cunha primeira carteleira bimestral novembro-decembro, ten como obxectivo achegarlles o cine en pantalla grande aos espectadores de localidades sen salas comerciais, así como aumentar as posibilidades de distribución dos filmes producidos en Galicia.

Sete sesións no Cine Alovi

Como espazo asociado a esta iniciativa, o Cine Alovi das Pontes ofrecerá un total de sete sesións cinematográficas, que darán comezo este venres 28, ás 21.00 horas, coa proxección de ‘A grande beleza’, fita do italiano Paolo Sorrentino gañadora, entre outros premios, do Oscar, o Globo de Ouro e o BAFTA á mellor película en fala non inglesa.

A carteleira pontesa inclúe, así mesmo, a exhibición de tres filmes galegos, todos eles realizados co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través do programa de subvencións ao audiovisual da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais): a longametraxe de animación ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’, de Alex Colls (6 de decembro, 18.00 horas); ‘Encallados’, de Alfonso Zarauza (12 de decembro, 21.00 horas), e ‘O ouro do tempo’, de Xavier Bermúdez (19 de decembro, 21.00 horas).

Esta primeira oferta cinematográfica nas Pontes complétase coa produción española ‘Stokholm’, de Rodrigo Sorogoyen (6 de decembro, 20.00 horas); a francesa ‘Guillaume e os rapaces á mesa’, de Guillaume Gallienn (13 de decembro, 20.00 horas) e a coprodución polaco-danesa ‘Ida’, de Pawel Pawlikowski (20 de decembro, 20.00 horas).

Pazo Emilia Pardo Bazán

No caso de Sanxenxo, a programación de Cinemas de Galicia desenvolverase no Pazo Emilia Pardo Bazán a partir deste domingo día 30, ás 19.00 horas, cando terá lugar a proxección de ‘9 ondas’, do director italiano afincado en Ourense Simone Saibene.

O cinema producido en Galicia terá un destacado protagonismo neste concello pontevedrés, con catro títulos máis en cartel: ‘Arraianos’, de Eloy Enciso (6 de decembro, 20.30 horas); ‘A cicatriz branca’, de Margarita Ledo (21 de decembro, 20.30 horas), ademais de ‘O ouro do tempo’ (13 de decembro, 20.30 horas) e ‘A Tropa de Trapo na Selva do Arco da Vella’ (30 de decembro, 17.30 horas). A esta oferta galega súmase, ademais, a proxección de ‘Stockholm’ o 26 de decembro, ás 20.30 horas.

Máis de 1.200 butacas

O Cine Alovi e o Pazo Emilia Pardo Bazán son dous dos catro espazos que vertebran a posta en marcha de Cinemas de Galicia e que, xunto co Auditorio Municipal do Carballiño e o Salón de Actos do Cinema de Foz, suman un total de 1.232 butacas adicionais para a exhibición cinematográfica no noso país.

Os títulos cos que o circuíto arranca en cada unha destas catro localidades foron seleccionados polos respectivos departamentos municipais de Cultura a partir do catálogo que lles facilitou a Agadic e que inclúe un total de 18 longametraxes de moi diferentes estilos e xéneros, entre os que se atopan 11 destacadas películas galegas en fase de explotación.

Neste sentido, unha das prioridades da rede é servir de complemento á actual oferta dos circuítos comerciais. Así, as fitas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, cun custo regulado de 300 euros por pase, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibirá a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional.

Respecto ao financiamento, a Consellería –a través da Agadic– asume a metade deste custo regulado para un máximo de oito sesións por municipio. Pola súa banda, os catro concellos participantes nesta fase inicial achegan o 50 por cento restante deses pases, así como o 100 por cento no caso das proxeccións que decidan facer a maiores no marco desta programación.

Para todos os pases de Cinemas de Galicia establécese un prezo de entrada único de 3 euros e a recadación da billeteira é integramente para os concellos.

26 de novembro de 2014 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.