As obras na praza de Sartaña en Ultramar estarán rematadas este mesmo mes de novembro

O alcalde de Ferrol na visita ás obras
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e o concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación, Guillermo Evia Pérez; visitaron esta maña as obras de reurbanización da praza de Sartaña, no barrio de Ultramar. Esta actuación, que comezou o pasado mes de xuño, responde a unha demanda dos veciños de Ultramar e permitirá poñer en valor esta zona como espazo de encontro veciñal converténdoa nunha auténtica praza con diferentes usos: zona deportiva, parque infantil, espazo de estancia, etc.
Jose Manuel Rey considerou fundamental pechar actuacións no ámbito urbanístico “que levan moitos anos abertas na cidade”. Neste senso, o rexedor municipal sinalou que o proxecto de recuperar como praza esta zona de Sartaña é unha cuestión á que se comprometeu o seu goberno municipal e na que se leva traballando dende o inicio do mandato. Neste sentido, lembrou que primeiro houbo que recuperar a titularidade municipal deste espazo para poder poñelo a disposición de toda a veciñanza; e que despois traballouse no proxecto e reserváronse os recursos económicos necesarios para executalo neste mandato, como así foi. Así mesmo, o primeiro edil da cidade destacou a redución do prazo previsto no contrato para a execución das obras: “non só rematarán os traballos a tempo senón que se reducirá o prazo ao redor de mes e medio sobre a proposta inicial”. ”Este é o ritmo que queremos en todas as actuacións urbanas que están en marcha na cidade, adiantar os prazos sempre que sexa posible”, recalcou o alcalde.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación, Guillermo Evia Pérez, reiterou que co reacondicionamento deste espazo situado no barrio de Ultramar “péchase unha ferida aberta hai uns cantos anos”, ao tempo que salientou a importante transformación que actualmente presenta a praza a falta de completar unicamente os accesos á mesma. Evia Pérez explicou que esta reurbanización da praza de Sartaña inclúe a mellora da pista deportiva central, unha nova zona de xogos infantís, estancias de convivencia, máis zonas verdes con árbores, bancos e mesas; e dotouse á praza dunha nova iluminación”.











