As obras de ampliación do Hospital do Salnés iniciaranse antes de rematar o ano

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que as obras do Hospital do Salnés iniciaranse antes de que remate o ano, unha vez formalizado o contrato de adxudicación, e executaranse de forma que interfiran o mínimo posible na organización interna do centro e garantindo en todo momento a prestación da asistencia sanitaria.

A obra comezará coa execución dun novo vial de acceso e o desvío dunha liña de media tensión e de gas, así como outras redes (acometida de auga, hidrantes, saneamento e iluminación da urbanización do vial). Posteriormente, realizarase a execución das novas urxencias, o novo bloque obstétrico e parte do novo bloque cirúrxico (a zona de quirófanos); a execución de todos os locais de apoio do bloque cirúrxico; e a execución dos coidados postcirúrxicos, adaptación ao medio e o hospital de día.

Unha vez que estean operativas as novas áreas, procederase ao traslado dos servizos afectados que, á súa vez, deixarán espazos libres dentro da actual superficie do centro hospitalario comarcal. Estes espazos serán reformados para a instalación doutras áreas hospitalarias. A ampliación abrangue zonas que representan unha superficie asistencial de 4.157 m2, dos cales 2.700 son de novas edificacións e uns 1.400 m2 serán obxecto de reforma. Rematado o proxecto, poderase poñer en marcha o hospital día.

Segundo explicou a conselleira, non hai ningunha incongruencia entre o prazo de execución das obras do Hospital do Salnés e o prazo de execución dos fondos Feder, xa que os fondos Feder destinados a cofinanciar estes traballos -que supoñen aproximadamente o 57% do importe total da mesma- téñense previsto executar na súa totalidade no ano 2015. Por tanto, as fases correspondentes ao exercicio 2015 asumiranse con financiamento Feder. As fases posteriores levaranse a cabo con fondos propios.

Mosquera salientou que, na situación económica actual, o Servizo Galego de Saúde foi quen de buscar financiamento para poder realizar esta obra, que vai a permitir unha mellor prestación asistencial na área do Salnés e que se vai executar dentro dos prazos previstos polo programa operativo.

A licitación da obra de ampliación e reforma do Salnés publicouse no DOG o 22 de xullo de 2014, polo que actualmente está en fase de licitación. O primeiro paso técnico-administrativo neste proceso foi a licitación do contrato para os servizos de redacción de proxectos, dirección facultativa de obras e coordinación de seguridade e saúde, subministro enerxético prestacional, mantemento e conservación de edificios e instalacións de centros sanitarios. A licitación foi publicada no DOG do día 10 de agosto de 2012, e nel se incluía o Hospital do Salnés, xunto con 15 centros de saúde.

De conformidade coa puntuación obtida polas empresas que se presentaron, a Mesa de contratación elevou ao órgano de contratación a proposta de adxudicación á oferta economicamente máis vantaxosa, e o 6 de agosto de 2013 asinouse o contrato. A empresa adxudicataria ten que supervisar os proxectos dos centros e levar a dirección de obra de cada un deles, incluído o Hospital do Salnés, pero a execución da obra correspóndelle á empresa de construción que resulte adxudicataria.

Hospital de Día de Oncohematoloxía do Hospital da Costa

Doutra banda, Mosquera anunciou a posta en marcha do Hospital de Día de Oncohematoloxía no Hospital da Costa, que atenderá mañá as primeiras consultas.

Nun primeiro momento, comezará a funcionar un día á semana, atendendo aos pacientes oncolóxicos do servizo de Cirurxía. Posteriormente, unha vez comprobado o seu correcto funcionamento, irase aumentando o número de servizos e patoloxías oncolóxicas a tratar no hospital.

A nova área estará atendida por oncólogos adscritos ao servizo de Oncoloxía do HULA e o servizo prestarase en coordinación cos facultativos de cada unha das especialidades do Hospital da Costa que participen na unidade.

Segundo declarou a conselleira, esta nova dotación do Hospital da Costa “é unha demostración máis de que a xestión integrada non fai máis que beneficiar as áreas ata o de agora menos dotadas, así como fomentar a colaboración entre profesionais, todo elo en beneficio dos pacientes”.

Segundo as previsións de actividade, estímase que atenderá a uns 240 novos doentes cada ano, aos que hai que sumar todas as consultas de seguimento, revisións, controis e administración de tratamentos que necesitan.

Neste senso, o servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti atendeu, durante o 2013, a 50 pacientes novos da área sanitaria de Cervo, que consta de 14 concellos cunha poboación total de 71.353 habitantes.

Outra adaptación de espazos relacionada con esta é a que fixo posible a posta en marcha do novo servizo de Hospitalización a Domicilio que, en menos dun ano da súa posta en marcha xa atendeu a 129 pacientes, dos que o 60% eran infecciosos.

Así, o Servizo Galego de Saúde investiu nos últimos 5 anos máis de 2,2 millóns de euros “a pesar das dificultades derivadas da crise económica e sen ter en conta as futuras actuacións derivadas do plan director do Hospital da Costa, recentemente presentado”, subliñou Mosquera.

12 de novembro de 2014 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.