As novas infraestruturas portuarias promociónanse entre os maiores expertos do sector a nivel internacional

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse a Madrid con motivo da IV edición do Congreso Internacional Cruise Summit que, desde hoxe mércores e ata mañá xoves, reunirá na Capital aos principais representantes do sector de cruceiros.

López-Chaves aproveitará este encontro, que permitirá analizar e comprender a realidade do turismo de cruceiros no noso país, para promocionar as novas infraestruturas portuarias entre os maiores expertos do sector a nivel internacional.

Neste contexto, o máximo responsable portuario presentará Vigo como o primeiro porto da costa cantábrica do noroeste peninsular e o primeiro da Comunidade galega en movemento de pasaxeiros de cruceiro, co prestixio que supón ser porto de escala do maior cruceiro do mundo, o Oasis of the Seas, ata en dúas ocasións ao longo deste 2014.

Así mesmo, o máximo responsable portuario destacará entre os asistentes a condición de Vigo como porto natural, seguro e aberto as 24 horas, os 365 días do ano, con moitas vantaxes para o tráfico de cruceiros, ao dispor dunha ría con 14.000 hectáreas de augas abrigadas. Un Porto que, actualmente, dispón de dúas terminais de cruceiros que permiten a estancia simultánea, en pleno centro da cidade, de ata catro cruceiros á vez.

O foro, organizado por Cruises News Media Group, está dirixido a responsables de operacións comerciais de portos de cruceiros, operadores portuarios, navieras, profesionais do sector turístico en destino (hoteis, restaurantes, museos…), Administracións Públicas e organismos de promoción turística, axencias de viaxes, operadores de turismo ou comerciantes polo miúdo.

Durante dúas xornadas, os asistentes debaterán sobre os principais retos do sector e abordarán a situación do mercado, dos portos e destinos, a evolución do mercado alemán de cruceiros, os desafíos loxísticos e o desenvolvemento portuario. Está prevista a participación de máis de 120 compañías de cruceiros de todo o mundo.

Escala da Saga Pearl II

E mentres expertos no sector analizan en Madrid a situación actual deste tráfico, o Peirao de Transatlánticos recibe hoxe a escala da Saga Pearl II, con preto de 700 persoas a bordo, entre pasaxeiros e tripulación.

Este veterano cruceiro británico chegou a Vigo ás 02.00 horas desta madrugada procedente de Valencia e está previsto que ás 13.00 horas, aproximadamente, poña rumbo a Southampton (Gran Bretaña). Durante a súa longa estancia en Vigo -onde permanecerá atracado once horas- trouxo a bordo un total de 418 pasaxeiros, na súa maioría ingleses, e 266 tripulantes.

O buque Saga Pearl II foi adquirido nunha poxa por Saga Cruises a mediados de 2009 para substituír á Saga Rose, retirado en decembro dese mesmo ano. O buque foi construído en 1981 nos estaleiros de Howaldtswerke-Deutsche Werft, en Hamburg (Alemaña) e, anteriormente, foi coñecido como Astor (1981-1985), Arkona (1985-2001) e Astoria (2001-2009).

A Saga Pearl II visitou por primeira vez a terminal olívica en 2011. Ten 164 metros de eslora por 22 de manga e 18.627 GT. Tras a súa renovación, reduciu a súa capacidade de pasaxeiros, gañando en espazo e confort. Cun programa de fitness especializado, o ximnasio conta con todas as facilidades para a práctica deportiva. Dispón tamén de restaurantes, piscina, spa, cine e biblioteca.

Saga Cruises é unha compañía británica de nivel medio que iniciou as súas operacións en maio de 1997 co cruceiro Saga Rose. Entre maio de 2003 e maio de 2005 tivo fretado o buque Saga Pearl, ex Minerva, e en xullo de 2004 comprou o cruceiro Vistafjord, sendo rebautizado Saga Ruby, sen dúbida un dos barcos máis señoriais e emblemáticos que existen na actualidade. En abril de 2005, Saga Cruises comprou o buque Berlín, sendo fretado durante seis meses a Metrópolis Tour e rebautizado Orange Melody e, desde marzo de 2006, navega co novo nome de Spirit of Adventure.  

12 de novembro de 2014 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.