As empresas ferrolás achéganse aos instrumentos á súa disposición para apoiar a súa internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+
Abel Veiga no encontro cos empresarios ferrolás

Abel Veiga no encontro cos empresarios ferrolás

O director da área de internacionalización do Igape, Abel Veiga, e a directora do Plan Ferrol, Natalia Barros, participaron hoxe nun encontro de traballo con empresarios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que tivo como finalidade o achegamento de información directa sobre os diferentes instrumentos habilitados pola Consellería de Economía e Industria para facilitar a proxección exterior do tecido empresarial.

Durante a xuntanza organizada polo Igape en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia, avanzáronse tamén as liñas xerais da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que a Xunta está a consensuar coas entidades e organismos empresariais e coa que se aspira a asegurar o progresivo incremento das exportacións ata superar, no horizonte de 2020, os 23.000 millóns de euros.

Entre os instrumentos para facilitar a internacionalización, destacou o papel da xanela única que se está a potenciar no Instituto para optimizar todos os recursos dispoñibles e facilitar, deste xeito, o acceso das empresas aos servizos e aos apoios que necesiten, segundo a fase de internacionalización na que estean en cada momento.

Nesa liña, salientouse que a Xunta seguirá apostando pola cooperación coas organizacións empresariais e pola colaboración entre agrupacións de empresas, apoiando proxectos colectivos como os consorcios de exportación ou as iniciativas apoiadas no marco de programas como o Primex.

O encontro celebrado hoxe en Ferrol pechou o ciclo de xornadas técnicas sobre internacionalización promovidas polo Igape en colaboración co Circulo de Empresarios de Galicia para procurar que os empresarios afonden nas claves do comercio exterior e os servizos e apoios públicos aos proxectos de internacionalización.

Nos encontros desenvolvidos durante as últimas semanas en O Barco de Valdeorras, Carballo, Foz, Boiro, Vilagarcía e Ferrol participaron arredor de 200 empresas de toda Galicia, xunto con representantes de máis dunha ducia de compañías que compartiron as súas experiencias de éxito en mercados exteriores. No encontro de hoxe en Ferrol participaron Intasa e Indasa.

12 de novembro de 2014 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.