As empresas do Salnés descobren os servizos e axudas para facilitar a súa internacionalización
O director da área de Internacionalización do Igape, Abel Veiga, participou hoxe en Vilagarcía nun encontro de traballo con empresarios do Salnés co obxectivo de achegarlles información directa sobre os servizos, instrumentos e apoios que a entidade adscrita á Consellería de Economía e Industria pon ao seu dispor para facilitar a súa internacionalización.
Neste encontro organizado polo Igape en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia e coa Cámara de Comercio de Vilagarcía, presentáronse ademais as liñas xerais da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que a Xunta está a consensuar coas entidades e organismos empresariais e coa que aspira a asegurar o progresivo incremento das exportacións ata superar os 23.000 millóns de euros en 2020.
Entre os instrumentos recollidos na estratexia de internacionalización do tecido empresarial galego destacan iniciativas como a xanela única que se está a potenciar para facilitar o acceso das empresas aos servizos e os apoios que precisen en cada momento, segundo a fase concreta de internacionalización na que se atopen.
Como vía axeitada para sacar o máximo partido dos recursos dispoñibles, o Igape destacou a necesidade de optimizar a coordinación de esforzos con todas as organizacións de carácter empresarial que operan en Galicia no ámbito da internacionalización. Nesa liña, salientou que a Xunta seguirá apostando pola cooperación entre empresas, apoiando proxectos colectivos como os consorcios de exportación ou as iniciativas apoiadas no marco de programas como o Primex.
No encontro celebrado en Vilagarcía, que contou coa asistencia de arredor de trinta empresarios, participaron representantes das empresas Thune Eureka, Bodegas Martín Códax e Construdata21, que compartiron as súas experiencias no eido da internacionalización.
O encontro forma parte do ciclo de xornadas técnicas sobre internacionalización promovidas polo Igape en colaboración co Circulo de Empresarios de Galicia e con diversas asociacións ou entidades empresariais comarcais, para achegar ao empresariado as claves do comercio exterior e os servizos e apoios públicos aos proxectos de internacionalización.











