publicidade hoxe

As bibliotecas e o voluntariado de Oleiros achegan os libros á veciñanza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

A Rede Municipal de Bibliotecas do Concello de Oleiros, grazas á colaboración do Voluntariado, pon en marcha un novo servizo para favorecer o acceso aos seus fondos a aquelas persoas que por problemas de saúde, temporal ou permanente, teñan problemas de mobilidade que lles impidan acudir en persoa ás bibliotecas.

Este novo servizo foi presentado hoxe, na Biblioteca Rialeda de Perillo, pola concelleira de Cultura e o concelleiro de Servizos Sociais, así como por unha representación dos voluntarios e voluntarias que formarán parte deste proxecto. Desta forma, unha persoa que non poida acudir á biblioteca por estar imposibilitada, só ten que chamar á biblioteca máis próxima para solicitar o libro, CD, revista, película… que queira, e a través do Servizo de Voluntariado se lle achegará á persoa, ao seu domicilio, o material solicitado. O voluntariado sempre irá identificado co seu carné, con fotografía, co fin de garantir a seguridade dos veciños e a calidade do servizo.

As bibliotecas e o voluntariado teñen, nestes momentos, outro proxecto máis en marcha durante este mes de novembro: unha campaña de recollida de produtos de hixiene e limpeza para o Banco Solidario de Oleiros, a través das bibliotecas. Co fin de difundir a actividade municipal e informar á poboación sobre esta campaña, os voluntarios e voluntarias acudirán todo este mes aos contacontos e actividades municipais nas bibliotecas para explicar brevemente todo o seu labor, ademais de repartir unhas chapas decorativas co logo do Voluntarido de Oleiros para os máis pequenos.

7 de novembro de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.