As baixas e un mal inicio condenan ao Prone Lugo
Chegaba o Prone Lugo F.S. nunha situación complicada ao segundo derbi da tempada, primeiro as urxencias por empezar a puntuar e en segundo lugar polas baixas; xa que o técnico Javier Albes non podería contar no partido con ningún dos tres peches que ten no equipo.
Malia todo, os seus xogadores saltaron á pista coa idea de pelexar o partido e poder sacar algo positivo, de feito intentárono nos primeiros minutos do partido con disparos afastados por medio de Iago Rodríguez e Javi Río, pero sería Matamoros quen abriría o marcador, no minuto 3 logo de aproveitar a xogada de estratexia á saída dun córner. O equipo de Juanlu Alonso viña avisando do seu perigo nas xogadas de estratexia e fíxoo durante todo o partido. Puido ampliar a vantaxe Chano no minuto 8 pero fallou a porta baleira. No minuto 10 Manuel María tería unha boa ocasión nun un para un que desbaratou Alex. Un minuto despois e tras un roubo de balón Isi lograba o 2-0. Diferenza que puido aumentar Matamoros un minuto despois pero o seu disparo foise ao pau. Tras un tempo morto local, Javi Río lograría recortar a distancia no marcador, o gol sentou ben ao Prone que tivo dúas claras ocasións nas xogadas posteriores nas botas do propio Javi Río pero que desbarataba un acertado Alex. No minuto 16 Antoñito aproveitaba un erro na defensa da estratexia do Prone e lograba o 3-1. Na xogada seguinte Javi Río estivo preto de lograr o seu segundo gol, pero o seu remate foise ao longueiro. No último minuto da primeira metade os colexiados non quixeron sinalar unha clara falta favorable ao Prone Lugo que sería a sexta e polo tanto lanzamento de dobre penalti. E así se chegaba ao descanso cun 3-1 favorable aos locais.
Saíu centrado no partido o Prone Lugo e no minuto 22 Antonio Diz estivo a punto de bater a Alex tras unha gran xogada de Alex Diz, un minuto despois o propio Antonio estrelaba o balón no longueiro, parecía que a fortuna non estaba esta tarde do lado dos lucenses. No minuto 28 Isi roubaba un balón no seu campo e íase ao ataque, conseguía driblar a un Óscar que saía da súa área e enviaba o balón a gol a porta baleira, logrando o 4-1. Tivo unha clara ocasión o Prone Lugo nunha contra que finalizou Nacho Pedraza pero que Alex desviaba a córner. No minuto 32 Javier Albes intentábao colocando a Alex Diz como porteiro xogador, intentándoo con ataques longo, tendo Adri unha ocasión e estrelando Alex Diz o terceiro balón do seu equipo nos paus de Alex. No minuto 36 Antoñito lograría roubar o balón e lanzar a porta baleira para poñer o 5-1 no marcador. Un minuto despois sería Matamoros quen tras outro roubo de balón poñería o definitivo 6-1 no marcador.











