As asesorías psicolóxica e xurídica do CIM de Ferrol atenderon a 325 mulleres no terceiro trimestre deste ano
A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, deu conta esta mañá da memoria de actividades do Centro de Información á Muller (CIM) correspondente ao terceiro trimestre de 2014. Así informou na comisión informativa da Área de Benestar Social aos diferentes grupos políticos do Concello de Ferrol.
Así, entre os pasados meses de xullo e setembro a Asesoría Psicolóxica deste centro municipal realizou un total de 198 consultas, e 30 mulleres solicitaron cita por primeira vez neste servizo. Cómpre salientar que o CIM presta atención non soamente a mulleres de Ferrol senón que tamén atende a cidadás de municipios veciños como Narón (4), Cedeira (3), Ares (1), Neda (1), así como unha muller procedente de Madrid. As franxas de idade de maior incidencia son as comprendida entre os 41 e os 50 anos e os 31 e 40 anos. No que atinxe aos motivos de consulta coa Asesoría Psicolóxica, a de maior incidencia segue a ser a violencia de xénero, sendo 21 as mulleres que acudiron a este servizo por este motivo, seguida de patoloxías individuais e ruptura de parella.
Ademais de asesoría psicolóxica o CIM tamén presta atención xurídica rexistrando un total de 127 consultas durante o terceiro trimestre do ano (38 consultas en xullo, 34 en agosto e 55 en setembro). Durante este período de tempo foron iniciados un total de 52 novos expedientes, que teñen que ver con trámites de xustiza gratuíta ante o Servizo de Orientación Xurídica do Colexio de Avogados/as de Ferrol; solicitude de axudas periódicas para mulleres vítimas de violencia de xénero ante a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; prestacións ante a oficina do INEM; solicitudes de inclusión no programa de inserción laboral ou tramitación de dispositivos de seguridade para mulleres en situación de risco por malos tratos.
Por último, en canto ao perfil das usuarias da Asesoría Xurídica do CIM, a franxa de idade está comprendida entre os 24 aos 44 anos, é unha muller con un fillo, estudos primarios e desempregada.











