As actividades do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero en Monforte chegan ó seu fin
A concellería de Igualdade celebrará hoxe e mañá os derradeiros actos conmemorativos do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.
Hoxe venres día 28 de novembro, ás 12:30 horas na sala de reunións do Centro de Saúde de atención primaria de Monforte de Lemos, celébrase unha nova sesión da Mesa de coordinación para a mellora de atención a vítimas de violencia de xénero da comarca de Lemos.
Esta Mesa, constituída no ano 2009 dende a concellería de Igualdade a través do Centro de Información á Muller, ten como finalidade garantir, fomentar e implementar accións e fórmulas preventivas xunto a unha atención de calidade para as vítimas de violencia de xénero.
A Mesa de traballo está composta por profesionais de toda a comarca que pertencen ás distintas áreas de intervención, (estamos a falar dos ámbitos Social, Educativo, Sanitario, Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Administración de Xustiza e Colexio de Avogados de Lugo), xa que nesta materia a coordinación supón un aspecto esencial da intervención, posto que debe partirse dunha intervención global e integral, e esta só é posible coa estreita colaboración entre profesionais.
Todas as reunións da Mesa de traballo inícianse cunha sesión formativa en materia de violencia de xénero, que nesta ocasión céntrase nas “Novas formas de exercer a violencia de xénero a través do uso das novas tecnoloxías”, sesión impartida por Paula Sánchez, psicóloga e coach experta en intervención individual e grupal, especializada en igualdade e en apoio a mulleres en situación de vulnerabilidade e que conta cunha ampla experiencia en cursos e obradoiros, sempre dende un punto de vista práctico e dinámico.
Ó remate da formación, as persoas representantes de cada ámbito que conforman a Mesa, continuarán traballando os puntos marcados na orde do día, coa finalidade última de mellorar a atención integral que precisa a problemática da violencia de xénero.
As actividades deseñadas dende o CIM para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero rematarán mañá sábado co Obradoiro de Acción Poética, dirixido ó público en xeral.
Este obradoiro será impartido pola poeta, actriz e directora artística, Sther F. Carrodeguas e no mesmo, a través dun traballo de grupo, tratarase sobre a creación poética e corporal. O obradoiro desenvolverase mañá sábado día 29 de novembro no Centro do Viño dende as 10:00 ata as 13:00 h.
Ó remate do mesmo, na Praza de España e a carón da exposición fotográfica “Descubre a Nosa Realidade!”, presentaranse as performances creadas polas persoas participantes coa posterior clausura da exposición.
O obradoiro dispón de prazas limitadas, polo que as persoas que desexen inscribirse deben anotarse no teléfono 674 073 092 ou no enderezo electrónico info@acadar.org











