publicidade hoxe

Arzúa continúa a súa aposta pola reciclaxe e procede á colocación de novos contedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

Que os habitantes do municipio tomen conciencia de que reciclar non só axuda a conservar os recursos naturais e reducir a cantidade de residuos senón tamén a reducir a contaminación e a demanda de enerxía é unha das claves do goberno que preside o alcalde de Arzúa, José Luis García.

Depositar os residuos nos contedores correctos e facer uso do punto limpo evitando a creación de vertedoiros incontrolados é outra das máximas do seu programa de goberno. A utilización dos contedores correctos non só inflúe no medioambiente senón que ten un claro efecto económico xa que todos os impropios que van ao contedor verde convencional supoñen un custe adicional para o concello, que pagamos todos; é preferible que entre todos loitemos por sacar adiante políticas de impulso e investimento no municipio ca enterrar o diñeiro en SOGAMA.

Dentro desta dinámica, o Departamento de Medio Ambiente do Concello de Arzúa vén de iniciar unha campaña de colocación e renovación dos contedores verdes, tanto na vila como na zona rural. Ademais destes depósitos, tamén se colocaron outros novos para a recollida de vidro, un deles no lugar de As Hortas en Dombodán e outro ao carón da igrexa de Brandeso, amén dun terceiro que se instalou días atrás no campo da festa de Maroxo. Nas vindeiras datas continuaranse colocando máis iglús verdes nas parroquias que aínda non dispoñen deles, para que todos os veciños conten, pouco a pouco,coas mesmas posibilidades á hora de facer uso deste servizo.

Respecto aos contedores verdes convencionais, o concello fará unha revisión de todos eles, renovando aqueles que estean deteriorados e poñendo outros naqueles lugares nos que sexa preciso.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, segue insistindo na necesidade de que os veciños se involucren na causa e colaboren na utilización dos contedores correctos evitando a toda costa a creación de vertedoiros incontrolados que, aínda que en menor cantidade, seguen existindo. É moi importante tamén que fagan uso do servizo do Punto Limpo que permanece aberto ao público no polígono industrial todos os luns, mércores e venres en horario das 10 ás 14 horas, tamén os sábados das 10 ás 18 horas.

A colocación dos novos contedores na vila e nas parroquias supón un servizo máis eficiente e directo coa cidadanía, “pretendemos aumentar o grado de eficacia na recollida selectiva, promocionar e inculcar a cultura da reciclaxe”, asegura o alcalde, que lembra “a necesidade de que os veciños colaboren non só por unha cuestión medioambiental senón tamén económica, xa que o incremento que acabamos de sufrir nas tasas que se lle pagan a SOGAMA polo depósito dos residuos e que vén impulsado polo goberno autonómico supón un gravame moi importante e difícil de afrontar para as arcas municipais”. É moi importante que entre todos fagamos as cousas ben.

14 de novembro de 2014 | 11:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.