Arrincan as obras de urbanización da rúa Martín Códax en Cambre
Comezan as obras de urbanización da rúa Martín Códax en O Amorne. O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, asegura que o aval das empresas construtoras executouse o pasado 30 de decembro e grazas a esa partida económica están a levarse a cabo as obras. Lembra que custou moito tempo desbloquear este proxecto urbanizador xa que houbo que executar eses avais e contratar un novo proxecto técnico para poder realizar a obra. As promotoras no seu día levantaron os edificios, pero deixaron a rúa sen urbanizar, ata o punto que parte desa rúa carece de asfalto.
Rivas insiste en que desde que chegou á alcaldía entendeu este problema como prioritario e sostén que se empeñou en desbloquealo desde a súa chegada ao goberno e anuncia que os froitos dese traballo veranse nos próximos meses. “Había que coñecer o estado dos avais e executalos, cousa que fixemos en 2013, logo de realizar un proxecto novo de urbanización e agora contratalo. Foron trámites que se alargaron no tempo, pero hai que ser consciente de que o concello vai facer unha obra que non lle correspondería facer e agora fai para mellorar a accesibilidade e o benestar dos veciños, de forma subsidiaria”, apunta Rivas. Trátase en todo caso dun problema herdado do anterior goberno municipal, que desde 2008 non executou eses avais para terminar a obra de forma subsidiaria. As obras estarán acabadas antes do período do Nadal.











