Arrinca unha nova edición do Curso de Coidador Sociosanitario de AFAL
Con todas as prazas cubertas aínda antes de pecharse o prazo, esta tarde arrincaba na aula de formación do Centro de Día Terapéutico de AFAL Ferrolterra unha nova edición do seu Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Nel participan vinte e cinco persoas que, ao longo deste mes, recibirán información, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver de forma eficaz o seu papel como coidador.
A presidenta da asociación, Milagros Prieto, foi a encargada de inaugurar o curso e explicou que a alta demanda rexistrada obrigou á entidade a abrir mesmo lista de espera. Por iso, anunciou que AFAL traballa xa para estar en condicións de organizar unha nova acción formativa destas características no mes de decembro.
O curso está impartido por un equipo multidisciplinar integrado por Silvia Loureiro (logopeda), Rita Touza (psicóloga), Alba Romero (educadora social), Noelia Ríos (terapeuta ocupacional), Jésica Garel (traballadora social), Jesús Vitoria (pedagogo) e Araceli Prieto (enfermeira). Por último, sinalar que o Sergas declaraba este curso de AFAL de interese sociosanitario, de tal modo que a acción formativa puntúa de cara á obtención do certificado de profesionalidade. Ademais, está acreditado pola Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.











