Arranxo dunha beirarrúa en Cacheiras preservando o espazo para os peóns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+
Traballos de arranxo da beirarrúa

Traballos de arranxo da beirarrúa

A Concellaría de Servizos Básicos, dirixida por Xurxo Francos, informa que dende esta fin de semana queda aberta a beirarrúa para os peóns na que se estivo traballando nas últimas semanas na zona de Cacheiras. Trátase da Travesía de Cacheiras á altura do edificio dos Muíños (nos baixos deste locais están diversos negocios como unha administración de lotería, unha florería, unha oficina bancaria ou unha panadería).

Dende primeiros de novembro unha brigada de obras municipal está facendo obras de reparación e pavimentado. Ata agora a beirarrúa estaba xusto ó carón da estrada e os coches estaban obrigadas a cruzala para aparcar nas prazas marcadas. Con esta reforma lévase cara atrás o paso para os peóns, xusto pegado ós soportais dos edificios e o acceso dos vehículos faise directamente á zona de aparcamento. A situación anterior provocaba en moito momentos que persoas en cadeiras de rodas, silliñas para bebés…non tivesen por onde pasar, xa que se había coches en dobre fila ocupaban a beirarrúa.

Dende finais desta semana xa queda aberta a zona para os peóns, aínda que nos próximos días se rematarán os traballos de formigonado das prazas para os vehículos. Tamén se vai aproveitar para pintar unha praza para persoas con discapacidade e unha zona en amarelo para facer pequenas paradas.

Os traballos foron executados por unha brigada de tres persoas, contratados de xeito eventual a través dunha subvención da Deputación. Estes operarios tiveron o apoio da brigada municipal. En semanas anteriores a esta obra adicáronse á eliminación de barreiras arquitectónicas noutras zonas de Montouto. Nesta actuación na zona do Grilo tamén se van eliminar barreiras para dar un mellor acceso aos soportais dos edificios.

Neste mesma zona tamén se vén de acometer outra mellora en materia de seguridade viaria. Ampliouse unha vía secundaria en fronte da entrada do supermercado que hai na rotonda da Gaiteira. Trátase dunha estrada moi utilizada por xente de Cacheiras para achegarse á entrada da autovía e ampliouse o ancho da mesma, xa no último tramo resultaba demasiado estreita e perigosa.

21 de novembro de 2014 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.