Arranca na Escola de Familia Municipal de Verín o programa ‘Kero-Kedar +’
O Concello de Verín, a través da Escola de Familia Municipal, pon en marcha ‘Kero-Kedar +’, un novo programa educativo, social e familiar destinado a menores con idades comprendidas entre os catro e cinco anos.
A conciliación da vida persoal, laboral e familiar formúlase como unha necesidade e demanda social, ademais de ser un requisito indispensable para aproximarse ao obxectivo da igualdade de oportunidades. O ‘Kero-Kedar +’ nace co obxecto de ser un servizo de conciliación da vida laboral e familiar, despois da finalización do horario lectivo, que permitirá que os proxenitores dispoñan dunha hora para realizar actividades propias. O mesmo, que terá lugar durante todo o curso lugar, desenvolverase os mércores, de 18.15 a 19.15 horas, na sede da Escola de Familia Municipal (edificio municipal do Lavadoiro -situado na esquina das rúas Rosalía de Castro e Lavadoiro-).
Nesta nova iniciativa, os/as menores estarán atendidos por profesionais que se encargarán de traballar, a través do xogo e a psicomotricidade, o desenvolvemento de habilidades sociais, capacidade para negociar e sentimentos de vinculación e pertenza ao grupo social. Ademais neste programa, que complementa aos de ‘Kero-Kolo’ e ‘Kero-Kedar’, os/as nenos/as adquirirán as primeiras normas de convivencia e regras do xogo dirixidas por eles/as, e acudirán todos os últimos mércores do mes á aula CeMIT do Concello de Verín co fin de aprender conceptos informáticos. Por outra banda, ao longo do curso realizarán diferentes actividades lúdicas, como Día dos Abrazos ou Nadal, nas que poderán contar coa participación dos pais e nais.
Esta acción formativa atópase enmarcada dentro da iniciativa Escola de Familia Municipal na que tamén se inclúen outras actividades como ‘Kero-Informátika’, ‘Kero-Kolo’, ‘Kero-Kedar ‘ABC de Costura’, ‘Arte de vestir’, Club de Calceta ‘Tecendo Soños’, ‘Sabedoría dos Recordos’, titoría de acompañamento sociolaboral e socioeducativa personalizada, ‘Se queres, podes’ ou accións formativas de reforzo educativo entre outras. A iniciativa da Escola de Familia Municipal naceu como lugar de encontro, de formación e de intercambio de ideas, experiencias e actividades para todos/as verinenses, que incremente a sensibilización cidadá neste sentido. Está enfocada cara o desenvolvemento positivo de actividades que potencien competencias e actitudes cun carácter pragmático, con mensaxes sinxelos e claros entre as persoas participantes, na que se traballará o esforzo, a cooperación, a responsabilidade, igualdade, autonomía, respecto, aprendizaxe continuo, desexo de saber, creatividade, espírito crítico, asunción de riscos e aceptación de erros.











