Arma de dobre fío para Burela FS en Tenerife
O Burela FS Pescados Rubén disputará esta tarde a 11ª xornada de Primeira División LNFS na casa do Uruguay Tenerife FS, un conxunto que atravesa unha situación complicada tras a imputación do seu xa expresidente, Andrés Hernández Pedreira, por malversación, coa consecuente marcha de moitos dos seus xogadores. O club canario regresa esta semana ao municipal dos Deportes esperando aos laranxas para saltar á pista ás 21.30 horas (horario peninsular).
Os pupilos de Juanlu buscarán a súa quinta vitoria consecutiva fronte ao duodécimo clasificado (9 puntos), nunha cita enganosa. “É un equipo moi cambiado, que terá que tirar de xogadores do filial tra a saída de referencias como Kike Barroso, Víctor Suazo, Lolo Suazo, Carlos Corvo ou Pedro Toro; pero isto é un arma de dobre fío porque estarán arroupados pola afección e están nun momento de compromiso e motivación moi alto”. “Nós debemos seguir pensando partido a partido, estamos moi xustos de efectivos e calquera contratempo extra pódenos poñer as cousas moi difíciles” puntualizaba o técnico laranxa.
Na expedición burelista non viaxou Jorge Bellvert, por lesión.











