APV e CEG potencian o porto de Vigo como principal motor económico da cidade
O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, e o seu homólogo na Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, mantiveron esta mañá a primeira reunión institucional desde que Fernández Alvariño asumiu a Presidencia da CEG en xullo de 2013.
Durante o encontro, no que tamén estivo presente unha nutrida representación dos empresarios da provincia, Autoridade Portuaria e Confederación avogaron pola necesaria colaboración institucional de cara a potenciar a función do Porto de Vigo como motor de crecemento non só de Vigo e a súa área de influencia, senón do conxunto da Comunidade galega.
Fernández Alvariño agradeceu a disposición de López-Chaves por manter unha comunicación máis fluída cos representantes do tecido produtivo, de modo que se poidan expor propostas empresariais e compartir impresións sobre a planificación do desenvolvemento do Porto.
Novas infraestruturas
Neste sentido, López-Chaves explicou aos empresarios a situación actual da dársena viguesa, facendo especial fincapé nas novas infraestruturas coas que conta o Porto olívico, entre as que destacou a conclusión dos traballos de “Mellora da Operatividade dos Peiraos Comerciais”.
Unha obra que os empresarios consideran imprescindible para a mellora do Porto de Vigo, e que garante o futuro da terminal, ao dotar á zona de maior lonxitude de atracada, cun incremento da chaira portuaria (50.000 m2) e un aumento considerable dos calados respecto dos existentes (pasouse dos 10 aos 14, e mesmo aos 16,5 metros de calado na zona da cabeceira do Peirao Transversal).
Segundo explicou o máximo responsable portuario, isto facilitará a atracada de buques de maior tonelaxe e abaratará a operativa das navieras, que poderán concentrar as súas cargas e que, ademais, garante que calquera barco con mercadoría xeral de máis de 10 metros de calado poida operar nun peirao adaptado ás súas necesidades, sen ter que facelo necesariamente en Guixar, como sucedía até o momento.
Por outra banda, Autoridade Portuaria e empresarios analizaron a inminente posta en marcha da Autoestrada do Mar de Vigo e, neste sentido, López-Chaves destacou que o Porto de Vigo recibirá unha subvención europea para a súa adaptación de cara á próxima posta en marcha desta infraestrutura e que contribuirá á construción dunha rampla ro-ro móbil flotante e unha actuación complementaria consistente na construción duns duques de alba que sirvan de apoio á atracada e ao amarre dos barcos.
Por último os empresarios felicitaron á Autoridade Portuaria de Vigo pola súa xestión e a súa política de baixada de taxas, o que suporá unha mellora no crecemento económico da cidade.











