Apróbase o convenio entre o Arcebispado de Santiago e o Concello de Carballo para executar as obras de mellora da rúa Martín Herrera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Xunta de Goberno Local incluíu, fóra da orde do día, a aprobación do Convenio entre o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Concello de Carballo en relación ao terreo do adro da Igrexa Parroquial San Xoán Bautista de Carballo. Trátase dun acordo necesario para que a administración local emprenda o acondicionamento e mellora da rúa Martín Herrera da capital municipal, un proxecto que inclúe a reurbanización do espazo situado entre o Museo de Bergantiños e a Praza de Galicia, que afecta tamén ao adro da Igrexa e que conta cun orzamento previsto de 349.126,33 euros. A parcela dedicada ao adro, que conta cunha superficie de 997,50 metros cadrados, é propiedade do Arcebispado, que deberá realizar a cesión do seu uso para executar as obras de acondicionamento previstas, que inclúen a colocación dun novo pavimento e a semi peonalización da vía dun xeito parecido ao empregado noutras dúas do centro. A cesión, segundo consta no acordo, realizaríase por un prazo inicial de 30 anos, e, unha vez transcorrido este prazo, as partes poderán acordar sucesivas prórrogas de cinco anos cada unha. O Concello será o encargado de realizar as reparacións necesarias para manter o uso ao que se destina o adro coa remodelación, así como a vixilancia das instalacións mentres dure o período de cesión. Así mesmo, o contrato para a realización dos traballos deberá estar asinado nun prazo de doce meses dende a sinatura do convenio.

Unha vez aprobado este convenio, agora deberá ser referendado e asinado tanto polo Arcebispado como polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. No apartado de contratación, a sesión incluíu a aprobación do expediente para a realización das obras dunha “Rede de saneamento en Cances da Vila, parroquia de Cances”, cun orzamento de licitación de 61.800,98 euros (IVE incluído). As empresas interesadas poderán consultar a información pertinente no Perfil do Contratante do Concello. Os licitadores deberán presentar as súas ofertas nun prazo de 18 días naturais a contar dende o día seguinte ao da publicación do anuncio no citado Perfil do Contratante. Entre os criterios de adxudicación, hai que subliñar a oferta económica (con 40 puntos), o programa de traballo, o programa de actuación medioambiental, o plan de control de calidade ou o plan de seguridade e saúde. A sesión tamén supuxo luz verde para o expediente de contratación para o “Mantemento das instalacións, equipos e sistemas de protección contra incendios do Concello de Carballo”. O prezo de licitación por todo o período de duración do contrato (estipulado en catro anos) é de 34.030,04 euros, cun prezo anual (IVE incluído) de 8.507,51 euros. O acordo poderá ser prorrogado por dous anos máis mediante prórrogas anuais. No apartado de convenios, a Xunta de Goberno aprobou unha modificación no Convenio con Vía Láctea Films para a realización da longametraxe “Sicixia”, que supón un cambio nas datas das achegas previstas para colaborar na produción do proxecto.

Así mesmo, a sesión supuxo luz verde para a solicitude de catro subvencións á Deputación provincial da Coruña para a realización de actividades relacionadas coa cultura, cos servizos sociais e contra a violencia de xénero durante o ano 2015. No primeiro caso solicítanse 45.000 euros para o desenvolvemento dun programa de valoración, orientación e información no eido dos servizos sociais; no segundo, solicítanse 40.000 euros para o desenvolvemento de políticas de igualdade entre mulleres e homes e de loita contra a violencia de xénero a través do desenvolvemento do programa Concilia. A terceira solicitude refírese a unha subvención para realizar actividades culturais durante o ano 2015 por un importe de 45.000 euros. Por último, a cuarta solicitude tamén se refire a investimentos culturais en relación ao equipamento e mellora de centros culturais por un importe de 32.000 euros. Para rematar, a sesión incluíu asuntos de trámite como a autorización dun vao permanente, de dúas licenzas de obra e de tres licenzas de primeira ocupación.

17 de novembro de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.