Apertura do prazo para participar nos VIII Premios Santa Bárbara
A Cámara Oficial Mineira de Galicia vén de convocar a VIII Edición dos Premios Santa Bárbara, que inclúen as modalidades Comunicación e Traxectoria. Trátase de distincións honoríficas dirixidas a recoñecer o labor dos medios de comunicación a prol do achegamento do sector á sociedade, e a contribución dos integrantes da comunidade mineira de Galicia ao desenvolvemento do sector. A súa entrega está prevista para o 4 de decembro no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago, no marco do xantar que celebra anualmente a Cámara Mineira con motivo da festividade de Santa Bárbara, patroa dos mineiros.
O premio Traxectoria está dirixido aos profesionais, empresas, entidades ou organismos vencellados ao sector mineiro galego e ten como obxectivo o recoñecemento a unha carreira meritoria. Pola súa banda, o galardón Comunicación busca premiar o labor de difusión da realidade mineira a prol dun mellor coñecemento do sector e da súa promoción. Neste caso poden presentarse os profesionais que, sen estar directamente relacionados co sector mineiro, favorezan o achegamento da sociedade á realidade da minaría galega coa publicación de informacións ou artigos nalgún soporte de comunicación.
Os premios consistirán nunha figura de Santa Bárbara elaborada por Sargadelos e nun diploma honorífico. Na pasada edición, o galardón Traxectoria foi para Ángel Ferrero, polo seu labor como xefe da Oficina de Proxectos do Instituto Geológico y Minero de España (IGME) en Santiago, e o premio Comunicación para o xornalista de El Correo Gallego Ángel Arnáiz, pola publicación de varias reportaxes sobre a relevancia da minaría galega.
PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS
As persoas interesadas en presentar candidaturas ao galardón poden obter o formulario a través da web www.camaraminera.org ou na sede da entidade cameral, situada na rúa Juan Flórez da Coruña. Xunto co formulario poden remitirse todos os documentos que se consideren oportunos para xustificar a proposta. A solicitude poderá presentarse ata o día 28 de novembro, incluído, enviándoa por correo postal á sede da Cámara Mineira (Juan Flórez 33-35, entrechán esquerda 15004 A Coruña), por fax ao número 981 139 664 ou por correo electrónico ao enderezo cmg@camaraminera.org.
A celebración que acollerá a entrega dos Premios Santa Bárbara 2014 reunirá, como vén sendo habitual, numerosos empresarios do sector mineiro galego e representantes da Administración. Os actos programados inclúen a tradicional Ofrenda a Santa Bárbara na Catedral de Santiago, na misa do peregrino, a cargo do presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan de Dios Martín Aparicio. A continuación, terá lugar o xantar no Hotel Monumento San Francisco, que rematará coa entrega dos galardóns.
EMPRESAS MINEIRAS
A Cámara Oficial Mineira de Galicia, con sede na cidade da Coruña, é unha corporación de dereito público fundada no ano 1925 e un órgano consultivo da Administración tutelado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Representa o sector industrial dos recursos minerais na Comunidade autónoma: no que se inclúen os subsectores das augas minerais naturais envasadas, os áridos, os balnearios, a cerámica, a minaría enerxética, o granito, a lousa, as rochas industriais, a minaría metálica e outros sectores conexos.











