Apertura do prazo do III Concurso de Deseño de Xoias San Eloi
O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia convoca por terceiro ano consecutivo o concurso co obxectivo de promover as iniciativas dos deseñadores. Estudantes, profesionais e calquera persoa que desexe participar dispón dende o día 3 ao 10 de novembro para enviar as súas propostas á oficina do Colexio Oficial de Xoiaría, rúa Ramón Cabanillas, 5-7, 2º B, CP 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).
No interior dun sobre irán outros dous sobres: un co deseño impreso e a memoria dun proxecto (máximo unha páxina), e noutro sobre o curriculo do deseñador cos seus datos completos.
A partir do 10 de novembro reunirase un xurado composto por seis profesionais representantes do sector da xoiaría, do deseño e do mundo da arte en Galicia. Tomarase como base para a súa valoración a innovación do deseño, a posibilidade de realización e a portabilidade da xoia, así como a súa relación coa temática escollida, nesta edición o mar. De todas as propostas o xurado escollerá as dez finalistas das que sairán as gañadoras do III Concurso de Deseño de Xoias San Eloi, repartíndose os premios en metálico: 1000 euros para a proposta gañadora, 500 para a segunda proposta e 200 para a terceira.
A entrega dos premios farase nun acto público ao que se convocarán os 10 finalistas.











