Ángel Gavín, exalcalde de San Sadurniño, será soterrado esta tarde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O que fora alcalde de San Sadurniño, Ángel Gavín Porrás, faleceu na tarde de onte aos 93 anos de idade. Desde o Concello quéreselle transmitir á familia o máis sentido pésame polo pasamento dun home que dedicou parte da súa vida ao servizo público e que, ademais, era moi coñecido no municipio. O corpo está sendo velado no tanatorio Artabria -túmulo número 2-, de onde sairá hoxe xoves a partir das catro da tarde para recibir sepultura no cemiterio parroquial de San Sadurniño. 

Ángel Gavín era natural do concello lugués de Riotorto. Porén a maior parte da vida pasouna en San Sadurniño, onde chegaría a ser alcalde entre os anos 1964 e 1971 e onde abriría un negocio hostaleiro que hoxe rexentan dous dos seus catro fillos. 

Desvinculado da vida pública desde hai anos, era habitual velo en case todos os eventos culturais e sociais que se organizaban en San Sadurniño. Un dos últimos foi a inauguración oficial da nova Casa do Concello, onde ocupou o centro da fotografía oficial canda o resto dos cargos públicos que participaron no evento. 

Pero para moitos veciños e veciñas -sobre todo para a xente máis nova- a imaxe de Xelo que quedará para o recordo será a do home que todos os días, chovese ou lostregase, paseaba de vagar pola beira do río e polos xardíns do Pazo, sempre disposto á conversa. Unha estampa que mesmo quedou plasmada nun óleo do pintor Manolo Carballeira exposto recentemente na galería do Concello. 

Ángel Gavín morreu o mércores a primeira hora da tarde rodeado da familia. Tiña 93 anos e sobrevívelle a súa muller, Aurora, ademais de dous fillos e dúas fillas, dúas netas e un neto. O sepelio será este xoves pola tarde en San Sadurniño de corpo presente.

6 de novembro de 2014 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.