Amplíase o período de inscrición para o curso de limpeza industrial en Nigrán
O Concello de Nigrán informa da ampliación do período de inscrición para o curso de limpeza industrial, que comezará o próximo 17 de novembro. O curso está destinado a persoas en situación de desemprego, con preferencia a aquelas de entre 16 e 35 anos en posesión do título de Educación Secundaria. As persoas interesadas en participar deberán formalizar a inscrición no Rexistro Municipal. Máis información na OMIX de Nigrán, na Estrada pola Vía, número 65, no teléfono 986 38 30 81 ou no correo electrónico omixnigran@nigran.org.
Xornada micolóxica
Así mesmo, o Concello de Nigrán informa da celebración dunha xornada micolóxica en colaboración co grupo ecoloxista ADENCO. A actividade terá lugar os días 21 e 22 de novembro, e constará dunha charla de iniciación á micoloxía, que se impartirá o primeiro día no Salón de Actos Municipal ás 19.00 horas, e dunha parte práctica cunha saída ao monte para colleitar cogomelos, entre as 10.00 e as 14.00 horas do día 22.
Máis información na OMIX de Nigrán, na Estrada pola Vía, número 65, no teléfono 986 38 30 81 ou no correo electrónico omixnigran@nigran.org.











