Ames destina máis do 86% do POS 2015 a cinco proxectos
Ames celebra este venres as comisións informativas previas ao pleno ordinario de novembro, ás 13:30 e 13:45 horas. Nelas abordaranse, entre outros aspectos, a aprobación inicial da ordenanza de emerxencia social municipal e a participación no Plan Provincial de Obras e Servizos (POS) 2015, que ascende a un importe de 502.498,49 euros.
O Concello amesán dedicará este ano o 86’1% desta partida á posta en marcha de cinco proxectos: mellorar o camiño de Foxos no lugar de Ventosa, reparar as instalacións do Clube de Piragüismo Ribeira do Tambre, adecuar a praza do Milladoiro situada entre as rúas Agro da Magdalena e a Avda. de Rosalía de Castro, proceder á reposición da sinalización nos núcleos de Bertamiráns e Milladoiro e arranxar o camiño de Outeiro-Costoia. Estas obras suporán un total de 432.580,32 euros. O restante, é dicir, 69.918,17 euros, destinaranse a gasto corrente. No plan complementario inclúese unha actuación de saneamento en Lamas – Costoia, na parroquia de Biduído, e a mellora dun camiño no lugar de Ventosa.
Ademais, o departamento de Benestar Social levará a comisión informativa a modificación da ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social municipal para ampliar as axudas aos veciños do concello. Tamén se debaterán varias mocións, entre as que destaca a creación da mesa local de coordinación contra a violencia de xénero.











