AJE Vigo entrega os premios as seus premios xove empresario e xove emprendedor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Francisco Conde na entrega de premios

Francisco Conde na entrega de premios

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou este serán, na entrega do IX Premio Xoven Empresario e Xoven Emprendedor organizado por AJE Vigo, o importante papel que están a desempeñar os emprendedores vigueses no impulso dunha nova xeración de empresarios que está chamada a “crear emprego e riqueza na provincia, liderando o retorno da economía galega a unha senda de crecemento”.

O conselleiro amosou o seu agradecemento tanto á asociación de mozos empresarios como a todos os participantes no certame porque “co voso esforzo, o voso talento e a vosa paixón os emprendedores sodes o verdadeiro motor da economía galega”.

Neste sentido, Conde apuntou que recoñecementos coma estes serven para achegar á sociedade “exemplos de cómo con traballo e dedicación se poden materializar as boas ideas”. Un traballo que, segundo resaltou, a Xunta está a acompañar facendo da Administración un facilitador de solucións, motivo ao que responde a eliminación das licencias municipais de obra e actividade coa Lei de Emprendemento, e prestando un “apoio integral ao emprendemento”.

Deste xeito, explicou, no 2015 destinaranse 5 millóns de euros ao fondo de capital risco Galicia Emprende, o que permitirá impulsar 80 novos proxectos empresariais; fortaleceranse as oportunidades de financiamento da Rede de Investidores Privados; ou activarase a Rede Galega de Viveiros.

“En todo este esforzo resulta fundamental o voso traballo”, incidiu o conselleiro, quen animou aos emprendedores a “seguir creando” convencidos das posibilidades dos seus proxectos. “Unha convicción que ten permitido crear na provincia, no que vai de ano, máis de 1.300 novas empresas, o 41% do total de Galicia, facendo de Vigo e a súa comarca o motor do emprendemento galego”, subliñou.

Estes galardóns buscan recoñecer e difundir as iniciativas empresariais e emprendedoras desenvolvidas na cidade de Vigo. Así, na categoría de Xoven Emprendedor, recibiu o premio José David Rey, de Monet Tecnoloxía e Innovación; e na de Xoven Empresario, José Antonio Redondo, de Optima Cleaning Health & Care. Así mesmo, recoñeceuse o labor de María Montero, de No Llores Patito, Manuel Fernández, de Conservas Chanquete, e Miguel Ángel García, de Kemegal Químicos, que recibiron respectivamente accésits á responsabilidade social e empresarial, á calidade, e á innovación.

7 de novembro de 2014 | 11:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.