Agustín Hernández buscará neste mes ao substituto de Ángel Currás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, afirmou este martes que a renuncia do exrexedor Ángel Currás como concelleiro “estaba previsto” e sinalou que “a partir de agora” buscará un substituto “para seguir avanzando e trasladando normalidade á cidade”.

Así o manifestou ao termo da reunión que mantivo con responsables de ADIF en Madrid, preguntado acerca da renuncia de Currás, algo que suporá o nomeamento doutro edil non electo no grupo municipal do PP -na actualidade, dos 13 edís que o integran, un total de sete, son non electos-.

Para Hernández, este anuncio é “unha noticia que estaba prevista” xa que, recordou, o seu predecesor na Alcaldía xa “manifestou a súa vontade” de “buscar un novo destino” tras renunciar ao bastón de mando. Currás, que está imputado na Operación Pokémon e dimitiu o pasado mes de xuño, asegurou que tomou esta decisión “libremente” para incorporarse á súa cátedra de Bioloxía nun instituto compostelano.

“A partir de agora reflexionarei e buscarei unha persoa que achegue ao equipo o necesario para seguir avanzando e trasladando normalidade á cidade”, subliñou Hernández, para despois matizar que a decisión de elixir o novo concelleiro a tomará “de aquí a final de mes” cando se concrete a dimisión de Currás en Pleno. Respecto aos nomes que baralla para o posto, o alcalde dixo que os trasladará cando “o teña pechado”.

11 de novembro de 2014 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.