Agustín Hernández afirma que a marcha de Ángel Currás nin lle alivia nin deixa de aliviarlle
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, afirmou este mércores que non quedou “nin aliviado nin non aliviado” coa renuncia do seu antecesor na Alcaldía e ata agora concelleiro, Ángel Currás, ao tempo que sinalou que este xa avanzara “en xuño” cál sería a súa decisión.
“Currás manifestou o 8 de xuño que a súa intención era facer o traslado da información e logo buscar unha situación diferente. E iso é o que fixo o pasado luns, nada máis”, aseverou o rexedor, quen abandonou a Xunta e tomou o bastón de mando municipal, tras anunciar Currás a súa dimisión o 9 de xuño.
Sobre quen ocupará a acta que agora deixa Currás, explicou que antes hai que seguir o procedemento regulado na Casa do concello, de forma que deberá oficializarse a renuncia do edil no pleno ordinario deste mes. Será entón, a través do apoderado do PP na Coruña, cando se de traslado do seu substituto.
Para a elección do novo concelleiro non electo, Hernández defendeu que o único criterio que aplicará é o de “atopar unha persoa comprometida co traballo e coa cidade”, ao igual que fixo -defendeu- co resto de ‘fichaxes’ que incorporou ao entrar en Raxoi.
En canto ás críticas da oposición, que vincula a marcha de Currás con que se “frustrase” a súa designación “como delegado de Tragsa en Galicia, replicou que non sabe cál é a opinión” dos seus rivais políticos, para reiterar que Currás xa manifestara “o seu desexo de deixar a vida municipal”
NON SE PRONUNCIA SOBRE O TRATO DO PP
Hernández subliñou que, tal como “manifestara en xuño”, Currás deu este paso “unha vez que rematou a transferencia” de información e evitou pronunciarse sobre o trato que o seu partido, o PPdeG, deu ao exalcalde compostelano.
“Sobre o tema de Currás non teño nada máis que engadir”, sentenciou, antes de advertir que agora “toca falar de futuro, do ‘Santiago (é)Tapas’, da estación e da cidade’. “Que é o que estamos a facer dende o 8 de xuño”, aseverou.











