publicidade hoxe

AGE reclama que a Cova de Eirós sexa declarada Patrimonio da Humanidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTriacastela
A-
A+

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quere que a emblemática Cova de Eirós, en Triacastela (Lugo) –xunto ás tamén covas da Graxeira e da Cabaxa- sexa incluída na lista indicativa previa á súa consideración como Patrimonio da Humanidade. Así o manifestan os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez nunha proposición non de lei (pnl, no documento anexo) rexistrada esta mañá no Parlamento de Galicia na que, ademais, instan a que a Xunta cre un plan de valorización e difusión cultural, garanta recursos para a estabilidade e continuidade das investigación na Cova de Eirós e para que os haxa tamén na Cabaxa e na Graxeira e todo a partir dun “cronograma de actuación plurianual con participación do tecido asociativo e cidadán” para a conservación e divulgación dos elementos patrimoniais do Concello de Triacastela.

Ron e Vázquez presentan esta iniciativa para protexer as grutas, de altísimo valor paleontolóxico e arqueolóxico, da depredación canteira. Cementos Cosmos traballa na extracción a ceo aberto na canteira Don Isidro. O pasado mes de agosto, a alcaldesa de Triacastela –o termo municipal onde se atopan as grutas- concedeu de maneira totalmente irregular –como xa ten denunciado Alternativa Galega de Esquerda- unha nova licenza a Cosmos. Esta comezou a traballar e a súa acción afectou a Eirós, á Cabaxa e á Graxeira. Logo de defender “o estrito cumprimento da legalidade”, a propia alcaldesa retirou a autorización o pasado 15 de novembro.

“O risco afecta non só á Cova de Eirós, senón tamén ao Camiño de Santiago, que xa é Patrimonio da Humanidade”, expoñen os deputados na documentación da proposta, “e non só se ven afectados bens patrimoniais únicos, senón tamén espazos de traballo agrogandeiro”. Ron e Vázquez lembran que amais de Eirós, onde xa se atopraon pegadas fundamentais para comprender o período paleolítico no territorio da actual Galiza, as covas da Graxeira e a Cabaxa gardan igualmente tesouros arqueolóxicos aínda non estudados. “Toda a contorna debe ser elevada inmediatamente a Ben de Interese Cultural e así protexida e preservada para as futuras xeracións”, engaden.

“O noso patrimonio natural e cultural non pode estar en mans de decisións como as da alcaldesa de Triacastela no mes de agosto”, conclúen, antes de anunciar que se Alternativa Galega de Esquerda se suma, con esta proposición non de lei, ás demandas de colectivos como Adega, O Iribio de Triacastela, Cova Crea, Petón do Lobo, Salvemos Cabana ou o Comité Asesor do Camiño de Santiago.

28 de novembro de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.