AGE e BNG piden queo director da CRTVG compareza pola investigación do PP de Ourense
Os Grupos de Alternativa Galega de Esquerda e BNG rexistraron unha petición conxunta para que compareza o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, co fin de que “aclare o seu papel” na suposta “trama de financiamento irregular do PP de Ourense”, no marco da ‘Operación Pokémon’.
A xuíza, a raíz das declaracións do exxerente do PP Emilio Pascual, emitiu un auto no que apunta indicios de que o PP de Ourense se podería financiar “ilicitamente” a través dun “elaborado” sistema de facturación “falsa e ficticia”. Con todo, as acusacións foron negadas polo expresidente do PP de Ourense e da Deputación, José Luis Baltar Pumar.
A titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo sospeita que esta situación se produciría a través dun “elaborado” sistema de facturación “falsa e ficticia”, “utilizando” para iso “polo menos” dúas empresas: a axencia de publicidade Planos e Telemiño, televisión do Grupo La Región.
O deputado de AGE Juan Manuel Fajardo cualificou de “moi graves” os “indicios” da xuíza Pilar de Lara e espera que o director da CRTVG “aclare á cidadanía o seu papel neste escuro e turbio asunto”, pola súa relación laboral co mencionado grupo de comunicación.
Pola súa banda, a parlamentaria do BNG Montse Prado xustifica a petición ante a aparición desta noticia, o período de investigación da cal é o comprendido entre 2007 e 2009, e pide que o actual director da CRTVG “explique o seu papel” na dirección da empresa”.











