AEMOS pide ás administracións maiores facilidades para a ocupación de chan industrial
Responsables da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) e da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) mantiveron esta mañá un encontro de traballo co obxectivo de analizar a situación actual do empresariado mosense. Así, o presidente de AEMOS, José Mañas, acompañado de membros do seu equipo directivo, recibiu a Luís Novoa, presidente da CEP, na sede da asociación para transmitirlle as inquietudes dos empresarios asentados na localidade.
“A ocupación do terreo industrial é un dos temas que máis nos preocupa a día de hoxe”, explicaba José Mañas na posterior comparecencia ante os medios de comunicación. O presidente sinalaba, neste sentido, “a necesidade de que as administracións públicas deixen de ancorarse no pasado e ideen novas fórmulas para que un empresario poida asentarse sen a necesidade de que teña que realizar un gran desembolso polo terreo”. E é que, no caso do polígono da Veigadaña, o prezo está en 180 euros o metro cadrado, un importe que tanto desde AEMOS como desde a CEP consideran “moi alto e excesivo, inalcanzable para moitas persoas que, con todo, si teñen unha boa idea empresarial pero que debido a este gran inconveniente non poden desenvolvela”, subliñaba Mañas. O presidente avogou por presentar novas fórmulas como a creada entre Xestur e AEMOS para desenvolver un centro de negocios e de servizos no Parque Empresarial. “O prezo era desmesurado polo que negociamos un sistema de cesión do terreo por 30 anos, con opción a outros 30, cun custo anual que si é asumible”, explicaba, referíndose a “unha fórmula válida” coma se dun aluguer se tratase. “E é que, ao final, se non se opta por alternativas como esta o terreo que hoxe está sen ocupar seguirá sen estalo, polo que, desde AEMOS, creemos que é mellor destinalo á creación de emprego e riqueza que, finalmente, sempre repercutirá nas administracións mediante o pago de IVE e outros impostos, evitando ademais así a deslocalización que xa se está producindo”, puntualizaba Mañas. Neste sentido, tamén se mostraba o presidente da CEP quen sinalaba que, de non optar por novas fórmulas como estas, “arriscámonos a que moitas empresas se vaian –como xa se están indo- a outros enclaves industriais, como Portugal, onde as condicións son moitos mellores e dánselles maiores facilidades de crédito”. “A mentalidade neste aspecto debe cambiar, pola contra será inviable atraer a novas industrias a Mos”, remarca Mañas.
Precisamente, AEMOS presentoulle ao presidente da CEP o seu proxecto das novas instalacións das que disporá a asociación no polígono da Veigadaña, cuxas obras se iniciarán en breve coa previsión de que estean finalizadas nun ano e medio. Serán aproximadamente 800 metros cadrados que integrarán diversas salas e oficinas a disposición dos usuarios, ademais de todos os servizos que estes poidan requirir para desenvolver os seus negocios na área industrial.
Ambos os presidentes puntualizaron tamén na necesidade da unión das diferentes asociacións para ter máis forza ante a consecución de obxectivos. “A misión das asociacións é actuar de lobby e defender o interese dos empresarios, porque unidos somos máis fortes”, concluíron.











