Aemos consegue inserir ao 25% dos usuarios do seu plan de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Programa Integral de Emprego INSERE 5 posto en marcha pola Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), en colaboración coa Consellería de Traballo e Benesar da Xunta de Galicia, xa deu os seus primeiros froitos. Fai tan só un mes que o persoal da asociación comezou a traballar cos 100 usuarios seleccionados para participar no plan e 25 deles xa foron inseridos no mercado laboral.

Desde AEMOS seguen con detemento todas as ofertas e oportunidades de traballo co obxectivo de conseguir aquelas que poden adaptarse ao perfil dos mosenses participantes de INSERE 5, ou en todo caso formar a estas persoas en función das necesidades das empresas, por iso é polo que tamén se formalizan períodos de formación na propia empresa cun posterior compromiso de contratación, “de iniciativas como esta beneficiaranse a principios do mes de decembro un total de seis persoas que se formarán na tenda de bricolaxe Aki, en Mos, para cubrir distintos postos, e como esta haberá outras máis oportunidades”, sinala Francisco Domínguez, xerente de AEMOS. Neste sentido, desde a asociación fan tamén un chamamento ao tecido empresarial para que se involucre e participe neste plan de emprego, “queremos que o teñan en conta e que o consideren como a mellor ferramenta á hora da incorporación de persoal nos seus persoais, nós podemos ofrecerlle o perfil exacto do candidato que están a buscar”, remarca Domínguez.

Independentemente de que a empresa se poña en contacto con AEMOS, desde a asociación trabállase a diario no contacto coas empresas, “vemos se necesitan contratar a alguén ou tamén se van abrir algún novo negocio”, explica o técnico José González, facendo referencia a que as últimas insercións realizáronse, precisamente, por mor da apertura dunha nova tenda de Sprinter no centro comercial Travesía de Vigo, “buscaban persoal e nós ofrecémoslle 10 candidatos dos cales contrataron a tres”. Ademais, actualmente están abertos diversos procesos con outras empresas da zona, “nunha gasolineira precisan operarios e un encargado e nun servizo de oficinas necesitan cubrir postos de teleoperador e comercial”. Outra acción recente é a referente á próxima apertura dun novo establecemento da cadea de comida rápida McDonald’s na Gran Vía de Vigo, “para o cal nós lle proporcionamos xa unha lista de candidatos ante a súa demanda de 40 traballadores, os cales pasarán unha fase previa de formación”.

AEMOS xa anunciaba no seu día que INSERE 5 non sería unha mera continuidade dos programas integrados de emprego executados en anos anteriores, cuxos resultados foron máis que satisfactorios, e mostra diso a concesión por parte da Xunta de Galicia dun quinto plan. Aínda que é certo que en esencia pode semellar unha liña continuista, xa que tamén levan a cabo accións habituais como as sesións de desenvolvemento persoal e de procura activa de emprego, as técnicas de elaboración do currículo, prácticas con compromiso de contratación e accións formativas informática, prevención de riscos laborais, medioambiente ou igualdade de xénero, “neste programa AEMOS fai unha aposta pola innovación da cal xa estamos a observar unha resposta positiva por parte dos usuarios que están a participar activamente”, puntualiza Domínguez. E é que nesta ocasión, AEMOS deseñou unha empresa virtual co obxectivo de que os participantes coñezan de primeira man os diferentes departamentos, a súa funcionalidade e a súa interdependencia. “Actualmente, estamos a desenvolver o primeiro grao no que todos proban as tres áreas: administración e recursos humanos, vendas e mercadotecnia e produción e loxística. Desta maneira, analizamos en que ámbito se desenvolve mellor cada persoa, podendo logo profundar no desenvolvemento dun perfil profesional concreto de cara á súa inserción no mercado laboral”, indica González.

As 100 persoas, 47 homes e 53 mulleres, que integran INSERE 5 responden a perfís diferentes, no entanto, o 67% son menores de 30 anos, dos cales a metade ten unha baixa cualificación formativa e o 25% non ten experiencia no mercado laboral. O plan iniciouse en setembro coa selección de candidatos e prolongarase até maio de 2015.

21 de novembro de 2014 | 10:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.